Actualidade Empregados de Ubisoft denuncian a falta de cambios dentro da empresa fronte á toxicidade

Empregados de Ubisoft denuncian a falta de cambios dentro da empresa fronte á toxicidade

Até cincocentas persoas, algúns aínda empregados de Ubisoft, outros, traballadores no pasado, asinaron unha carta en solidariedade cos seus homónimos en Activision Blizzard, após o escándalo sobre acoso sexual e comportamentos discriminatorios que se dan nas súas oficinas. Na carta, a xente de Ubisoft arremete contra as «promesas baleiras» da compañía francesa tralas acusacións do ano pasado por comportamentos tóxicos dos seus responsábeis, reclamando que cumpran co acordado e fagan desaparecer as situacións de acoso.

O contido da carta foi compartido co xornalista de Axios Stephen Totilo, e o seguinte:

«Escoitámosvos e queremos declarar a nosa solidariedade convosco. Durante a última semana, a industria dos videoxogos foi sacudida por revelacións que demasiados de nós xa sabiamos desde hai moito. Revelacións que, hai un ano, moitos estabades a escoitar sobre Ubisoft. Está claro, pola frecuencia destes informes, que hai unha cultura abusiva moi profundamente arraigada dentro da industria. Non debería ser unha sorpresa para ninguén: os empregados, executivos, xornalistas ou fans que realizaron estes terribles actos seguen adiante. É o momento de deixar de nos sorprender. Temos que esixir que se tomen medidas reais para previlos. Nós, os abaixo asinantes, tivemos abondo. Pasou máis dun ano desde que saíron as primeiras revelacións de discriminación institucional, acoso e intimidación dentro de  Ubisoft. Nese intre, sorprendéstesvos ao decatarvos de que estes actos ocorrían dentro de vosa propia empresa e démosvos o beneficio da dúbida. Porén, non vimos máis nada que un ano de palabras amables, promesas baleiras e unha incapacidade ou falta de vontade para eliminar aos infractores coñecidos. Xa non confiamos no seu compromiso de abordar estes problemas de raíz. Tedes que facer máis. Vímosvos despedir só aos infractores máis públicos. Deixastes que o resto renuncien ou, peor, ascendéstelos, movido entre estudos, entre equipo e equipo, dándolles segundas oportunidades constantemente sen repercusións. Este ciclo ten que terminar. Nós, os traballadores colectivos de Ubisoft, demandamos ter opinión sobre como se vai cara adiante a partir de agora. Os agresores teñen que eliminarse da compañía, xunto a aqueles que foron cómplices ou activamente ignoraron as súas accións».

Ubisoft decidiu responder de xeito directo á carta a través dun comunicado oficial: «Queremos deixar moi claro que nos tomamos esta carta, e os problemas que expón, moi en serio. Durante o ano pasado, comprometémonos a involucrarnos cos nosos empregados para implementar un cambio fundamental. Moitos destes cambios foron impulsados ​​por comentarios internos e coñecementos compartidos polos nosos equipos, e estamos agradecidos por esta comunicación continua. Apoiamos estes esforzos e o impacto positivo que tiveron na cultura da nosa empresa, ao mesmo tempo que recoñecemos que debemos seguir comprometéndonos cos nosos empregados para asegurarnos de que estamos a crear un lugar de traballo onde sentan valorados, apoiados e, o que é máis importante, a salvo».

Sexa como for, estas declaracións non achegan detalles sobre as novas medidas que tomará a empresa francesa á hora de combater a toxicidade no seu ambiente de traballo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.