Actualidade Falece Omar Álvarez, ex-PR de Nintendo España e exemplo de integridade e humanidade

Falece Omar Álvarez, ex-PR de Nintendo España e exemplo de integridade e humanidade

Omar Álvarez, coñecido na industria do videoxogo española polo seu traballo como PR de Nintendo, faleceu este sábado, 27 de marzo. Atrás deixa un percorrido humano intachable, exemplo de integridade e dignidade.

Álvarez levaba loitando contra o cancro desde o ano 2017, momento no que é diagnosticado para inmediatamente despois comezar o seu tratamento. Malia que as primeiras intervencións foron un éxito, o seu cancro reapareceu hai algúns meses, intre no que anunciou nas súas redes que lle quedaba un tempo limitado de vida, sen cura posible. A historia de Omar converteuse nun fenómeno realmente viral, a través dunha carta en redes sociais na que anunciaba a mala nova, pero tamén o seu plan de continuar vivindo plenamente ata o final, desterrando o medo, empregando «o cento por cento do meu tempo no que quero e con quen quero».

Os seus últimos proxectos e aparicións son un exemplo de positivismo e aceptación, como Omar se muere, o falangullo no que narraba os seus pensamentos en clave de comedia sobre esta recta final, non exenta de curvas. Logrou naturalizar e achegar un tema tan complicado e convexo como é a morte inevitable a miles de persoas, que encomiaron o seu poder comunicativo e a súa enteireza. As redes sociais hoxe son un río de condolencias e mostras de afecto cara á súa persoa.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.