Actualidade Final Fantasy XIV volverá aceptar novas xogadoras a finais deste mes

Final Fantasy XIV volverá aceptar novas xogadoras a finais deste mes

Final Fantasy XIV poderá ser  mercado de novo a finais deste mes. «Non podo mercalo agora?» Non, despois do lanzamento da expansión Endwalker, Square Enix pechou de xeito temporal as vendas do título para evitar o colapso dos servidores coa chegada de novos xogadores.

A través da actualización dun post no blogue oficial, o director da obra, Naoki Yoshida, explica que o xogo volverá estar á venda o 25 de xaneiro. Iso si, Yoshida explica que de seguir habendo problemas de conxestión, a decisión podería ser mudada e volver as restricións para a chegada de novos usuarios.

Doutra banda, a actualización tamén recolle máis medidas para evitar as longas colas, como a apertura dun novo centro de datos en Oceanía que engadirá cinco novos mundos desde os que comezar de cero. Como incentivo para trasladar personaxes a este novo lugar, moverse a este servidor será gratuíto para os xogadores de Oceanía.

Segundo a información divulgada pola compañía, Square Enix estaría a planear unha expansión de centros de datos en Xapón, Europa e Estados Unidos, tal e e como fora comentado previamente. A escaseza de materiais a nivel mundial, porén, fixo a tarefa complicada.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.