Actualidade Fortnite repite posto como xogo máis lucrativo do ano

Fortnite repite posto como xogo máis lucrativo do ano

Epic e Fortnite. Fortnite e Epic. Unha parella que continúa navegando por un mar de éxito e, por suposto, de cartos. O battle royale máis famoso do planeta continúa a se erixir como unha fonte que máis que auga expulsa billetes, após repetir como xogo máis lucrativo do ano, logro que xa conseguiu no 2018.

Segundo a firma de análise Superdata, o xogo de Epic conseguiu xerar uns 1.800 millóns de dólares ao longo de todo o ano pasado. A cifra é extraordinaria, pero se se compara coa acadada no 2018 podería até parecer baixa, ao ser un 25 % menor —2.400 millóns de dólares—. Sobra dicir que fronte a esta caída, o éxito de Fortnite segue sendo un feito empírico, e calquera outro título do mercado é incapaz de competir con el no eido económico.

A empresa de análise de datos explica que esta caída trátase dun proceso de estabilización normal e habitual, froito do brutal éxito inicial do xogo. Porén, é certo que algúns analistas predixeron estes días que se podería estancar ou non ser capaz de reter aos seus seguidores moito máis tempo. Opinións aparte, o certo é que o battle royale de Epic continúa máis que vivo após o comezo do seu Capítulo 2, e deixa entrever ambiciosos plans de futuro.

Pokémon GO, outro titán dourado

O xogo de Niantic, o Pokémon GO de iOS e Android que chegou no 2016, continúa xerando ingresos millonarios. Até 1.400 millóns de dólares logrou crear o pasado ano, elevándose como un dos poucos xogos que pode seguir o ritmo de emisión de billetes do Fortnite.

Fóra do terreo free-to-play, FIFA 19 elévase como o gañador, cuns ingresos de 786 millóns de dólares; seguido de Call of Duty: Modern Warfare, con 645 millóns. Como curiosidade, destacar a presenza de GTA V, publicado nun afastado 2013, que lle logrou dar ás arcas de Rockstar 595 millóns de dólares. Estes ingresos non se relacionan, ollo, de xeito directa co número de copias vendidas ou descargadas de cada xogo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.