Reportaxes Galicia sacou músculo na PAX East 2019 con The Waylanders

Galicia sacou músculo na PAX East 2019 con The Waylanders

The Waylanders, o ambicioso RPG desenvolto pola compañía coruñesa Gato Studio, estivo presente durante a PAX East 2019 de Boston. O futuro xogo que verá a luz ao longo do ano 2020 foi un dos proxectos elixidos pola plataforma Kickstarter, coa que logrou hai uns meses o seu financiamento, para formar parte do evento. Ao longo de toda a fin de semana púidose probar unha pre-alpha do xogo nas súas dependencias.

«A experiencia foi moi boa, a verdade. Tivemos moita xente e moita presenza na caseta de Kickstarter, tanto con imaxes como coa demo que faciamos cos xogadores que querían probar», explica dende Estados Unidos Fernando Prieto, un dos responsables do proxecto. «A idea principal era que puidesen facernos preguntas sobre como vai o desenvolvemento do xogo e cara onde queremos ir».

Durante a PAX East, Prieto puido compartir os avances no seu proxecto cun público diverso, así como debater ideas e posibilidades para o seu título con outros creadores. Entre eles, sinala Fernando, atopábanse os creadores de Pathfinder, lanzado a finais do ano pasado en Steam. «Puidemos coincidir tamén cos antigos responsables de Myst, que veñen de lanzar un proxecto no que buscan o millón e medio de dólares. Puidemos coñecer a súa experiencia e mesmo darlles algunha recomendación».

O RPG galego foi convidado pola propia Kickstarter para ocupar parte da súa programación. Imaxe: Emily Grace Buck

O estudo coruñés resaltou o importante que é estar en eventos desta clase, coñecelos dende dentro, comprender o seu funcionamento e asegura que para o ano agardan poder volver cunha caseta máis grande, ensinando máis produto. «Temos previsto estar cun espazo adaptado a esta feira, xa que ten un formato distinto ao da Gamescom ou a GDC. É unha feira máis independente. Non é un evento enorme pero si concentra un volume de xente moi alto nos catro días que está aberta».

Segundo Prieto, o desenvolvemento de The Waylanders avanza ben, ao ritmo previsto inicialmente. Este ano na Gamescom esperan poder ensinar máis cousas que o pasado ano, moi próximas xa ao aspecto final de lanzamento. A súa idea é que a partir de leste mesmo verán poidan mostrar bastantes avances do título, aínda que a alpha e a beta non están previstas até finais do 2019. En calquera caso, realizarán actualizacións do proxecto na súa páxina de Kickstarter para todos os seguidores e mecenas.

«Encantounos poder ter contacto directo cos backers (mecenas) que convidamos», conta Prieto. «Probaron a demo e todos, sen excepción, fóronse encantados, moi contentos. Creo que estamos na liña correcta porque o feedback foi xeenial. O aspecto do xogo é bo, pero cando a xente o proba queda sorprendida da calidade que estamos a alcanzar en cousas como os xiros de cámara… E iso é só unha pequena mostra”.

Un empurrón nas nosas terras

Prieto confía en poder amosar moitísimo máis material durante a Gamescom deste ano.

Doutra banda, o creador coruñés mantivo conversacións cos directivos de Kickstarter, presentes tamén na feira. Nelas mostroulles e comentou o proxecto de crear unha aceleradora de propostas de xogos para Galicia. «Sería un filtro que indicaría cando un proxecto pode ir ao mercado e cando non», comenta. «É un proxecto que lles pareceu moi interesante e no que van colaborar directamente connosco á hora de crear industria en Galicia. Estamos totalmente comprometidos con isto porque é fundamental para a nosa cidade, por exemplo; mesmo, egoistamente falando, para nós como estudio. Crear ecosistema. Temos materia prima pero necesitamos máis estrutura. Axudar aos proxectos a saír da mellor maneira posible: planificación financeira, de márketing, de comunicación… Esperamos levalo á realidade en poucos meses».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de carne
    • En: 03 de Abril de 2019

    Coñezo personalmente a varios dos programadores detrás de The Waylanders e resulta moi emocionante o ver como van amosando ós poucos o material creado.

  1. […] abril, o RPG galego xa estivo presente no PAX East 2019 de Boston, xerando unha boa atención e unha excelente recepción entre os que puideron coñecelo. O ano […]