GamesCom 2019 :: Adianto do programa e novas confirmacións

GamesCom 2019 :: Adianto do programa e novas confirmacións

Nótase, séntese, a GamesCom está… Si, dentro duns días a enorme comunidade do videoxogo estará a observar con atención o que ocorre en Colonia durante a GamesCom 2019. O evento, que se presenta como a gran feira deste tipo en Europa, promete novas varias e anuncios. Geoff Keighley —o nome detrás da organización dos Game Awards— será o encargado de dirixir un novo espectáculo a modo de inauguración. Quince novos anuncios serán os que se materialicen ese día. Estes serán de diversa índole, é dicir, non só reclamos puros de videoxogos ou adiantos en vídeo.

A cerimonia de apertura, bautizada co nome en inglés de Opening Night Live, quixo avanzar o seu programa, e vén de facer público o selecto grupo de empresas do sector que estarán presentes nel: 2K, Activision, Bandai Namco, Bungie, Capcom, Electronic Arts, Epic, Stadia, Koch Media, Deep Silver, Private Division, SEGA, Square Enix, Sony, THQ Nordic, Ubisoft e Xbox Game Studios. Nada mal.

O espectáculo retransmitirase en directo a partir das 20:00 (CEST) do 19 de agosto na súa canle oficial. Un dos directores máis coñecidos do mundo, Hideo Kojima, volverá á feira europea cinco anos despois da súa última aparición na GamesCom para amosar algunhas novidades sobre Death Stranding.

Ademais, anunciouse a emisión dun novo Stadia Connect por parte de Google, unha hora antes do inicio da cerimonia. Ninguén quere faltar, dalgún xeito, ao evento.

Galicia tamén estará representada

Hai xa meses que Gato Studio, o estudio de videoxogos coruñés, confirmou a súa presenza dentro da Gamescom 2019. Non será un mero paseo. Os responsables detrás do ambicioso The Waylanders queren que o seu xogo luza impoñente na feira e agardan sorprender ao público asistente cos avances que foron realizando no título ao longo destes últimos meses.

O pasado abril, o RPG galego xa estivo presente no PAX East 2019 de Boston, xerando unha boa chamada de atención e unha excelente recepción entre os que puideron coñecelo. No 2018, Gato Studio tamén estivo na feira de Colonia, polo que esta repetición preséntase como unha continuación en toda regra. The Waylanders ten prevista a súa saída ao longo do próximo ano.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.