Actualidade Google deixa a Stadia sen estudios de videoxogos internos

Google deixa a Stadia sen estudios de videoxogos internos

Google non perdeu o tempo esta semana, mesmopoderiamos dicir este mes. Coa chegada de febreiro, o mesmo día 1, o director xeral de Google Stadia, Phil Harrison, anunciaba o peche dos seus dous estudios internos. Os equipos de Montreal e Los Angeles botan o peche sen realmente unha mínima oportunidade de ver o seu traballo realizado, pois publicaron para a plataforma un total de cero obras.

Segundo o sinalado pola compañía, os seus plans pasan agora por «axudar a outras desenvolvedoras e editoras a sacaren artido da nosa tecnoloxía e levarlles os seus xogos directamente aos xogadores». É posíbel que este axuste na súa estratexia fose motivado polo «exitoso lanzamento de Cyberpunk 2077», que segundo Harrison serviu para validar a proposta de Stadia, que tamén explica que «emitir xogos en calquera pantalla é o futuro da industria».

Doutra banda, o novo enfoque tamén trae saídas. Jade Raymond, que ata o de agora lideraba a produción first party de Stadia Games & Entertainment abandonou o proxecto. Malia que Harrison explica que a maior parte do equipo restante será recolocado en postos dentro da compañía, Kotaku comenta que o peche dos estudios afectará a uns 150 empregados.

Seguirá funcionando Google Stadia como até o de agora? Polo momento, si. Tanto o servizo Standard como o Pro continúan o seu camiño, aínda que nunca se deran a coñecer as cifras de usuarios que posúen. Sexa como for, o catálogo de Stadia seguirá nutríndose de terceiros, agora de maneira única, pois non haberá exclusivos no futuro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.