Actualidade Google plantexa revolucionar a industria do videoxogo con Project Stream

Google plantexa revolucionar a industria do videoxogo con Project Stream

Hai apenas uns días, o xigante tecnolóxico Google comezaba a fase de probas de Project Stream, un servizo de streaming de videoxogos para xogar directamente no navegador sen a necesidade de instalar arquivo algún no ordenador. Se un o pensa ben, pode ata parecer ciencia ficción, máis aínda cando calquera usuario do mundo coñece as altísimas cifras de almacenaxe que ocupa un videoxogo actual. O experimento de Google comezou o pasado venres a proba, de balde e tan só en Estados Unidos (é con invitación). Nunha industria onde os elementos físicos están tan instaurados, isto supón un salto cualitativo de relevancia mundial.

O programa é certamente parecido ao GeForceNOW de Nvidia, un servizo en liña pensado para computadoras e xogos triplo A. Non é unha broma. A estrea de Stream chega coa posibilidade de xogar ao recentemente lanzado Assassin’s Creed Odyssey. Un xogo que pesa máis de 40 GB e que se poderá gozar sen descargar no disco duro, tan só será necesario ter o Chrome instalado.

Google asumiu este proxecto como un reto de grandes proporcións. Non é sinxelo. Igual que nun vídeo de Youtube, a idea é que Stream procese en tempo real todo o peso gráfico do xogo ao mesmo tempo que recibe as ordes do xogador. Non pode haber momentos de carga. Todo é cuestión de milisegundos.

O streaming de videoxogos leva xa moito tempo planeando pola industria. Pagar unha cifra semanal /mensual /anual e ter acceso inmediato, sen descarga, a unha colección de títulos. Suporía resolver algunhas das molestias máis sinaladas polos usuarios de consolas e PC: non contar con espazo no disco duro porque xa temos un par de títulos que ocupan demasiado.

Calquera pode participar no proxecto de Google? Si e non. Se tes unha conexión mínima de 25 megas por segundo, vives en EE. UU. e contas con máis de 17 anos, podes. O resto do mundo terá que esperar. A páxina para facelo sería esta.

 

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.