Actualidade GTA V segue vendendo o imposíbel e alcanza as 140 millóns de copias vendidas

GTA V segue vendendo o imposíbel e alcanza as 140 millóns de copias vendidas

Case por estatística, é máis probábel que esa persoa que coñeces teña o GTA V nalgunha plataforma que non. O título de Rockstar segue sendo unha mina de ouro para os seus creadores e para Take-Two, a súa editora, pois xa alcanzou os 140 millóns de unidades vendidas en todo o globo. Logra este fito logo dun ano incribel, onde colocou 20 millóns de novas copias.

Hai que ter en conta que GTA V viu a luz en PS3 e Xbox 360 no ano 2013, case pasou unha década. Polo camiño triunfou nunha nova xeración, foi consumido masivamente por ela e xa ten plans para desembarcar en PlayStation 5 e Xbox Series X|S. Imparabél.

Segundo a información ofrecida polo analista Daniel Ahmad, os datos non teñen en conta as copias que foron regaladas a través da Epic Game Store, que ofertou o xogo de Rockstar hai uns meses por cero euros, o que xerou un aluvión colosal de descargas e de movemento na tenda dixital.

O analista tamén recompila os datos de vendas do xogo de acción e mundo aberto desde o seu lanzamento. Lonxe de diminuír cos anos, as súas vendas disparáronse nos últimos 24 meses, co auxe do roleplay e a recuperación do título por parte da comunidade, amais das diferentes actualizacións que foi recibindo GTA Online:

  • 2013: 32.5 millóns de copias vendidas
  • 2014: 12.5 millóns de copias vendidas
  • 2015: 15 millóns de copias vendidas
  • 2016: 15 millóns de copias vendidas
  • 2017: 15 millóns de copias vendidas
  • 2018: 10 millóns de copias vendidas
  • 2019: 20 millóns de copias vendidas
  • 2020: 20 millóns de copias vendidas
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.