Reportaxes Impresións :: Carrion, o mal amorfo somos nós

Impresións :: Carrion, o mal amorfo somos nós

É difícil non ver certo paralelismo inicial entre a criatura que somos en Carrion e a que John Carpenter concibiu para The Thing, en 1982. Un mal amorfo, sen forma definida, co único fin de se alimentar duns pobres investigadores, está presente en ambas as dúas historias. Claro que se na película do estadounidense os protagonistas eran os científicos, na de Phobia Game Studio, a criatura é a máxima autoridade.

Desde esta fin de semana, atópase en Steam dispoñíbel a primeira demo pública do título que publicará Devolver Digital, a estas alturas un selo de calidade case segura. É ben sabido o gusto e o instinto que ten a editora americana á hora de descubrir, apoiar e emitir obras cun sabor especial. O novo prato que queren incluír no seu menú, apunta a isto.

Abrir o apetito e deixar con fame

Se algo provocan os vinte minutos aproximados que dura a demostración de balde é o pensamiento de que Phobia Game Studio vai polo bo camiño. A súa chegada agárdase para o vindeiro ano, pero o sistema de xogo e as súas posibilidades déixanse ver moi vivas neste adianto. Carrion divirte. A súa criatura móvese cunha beleza inusual a pesar da súa forma imposíbel. Hai un intre exacto no que os tentáculos que se van desprazando de forma sinuosa polos corredores estreitos da base hipnotizan.

A través dun control sinxelo —menos intuitivo con mando, un pouco máis lento por dicilo dalgún xeito— no que o rato acaba sendo un arma letal. Bastan tres botóns, ademais do Espazo, para reptar pola base na que estamos confinados e realizar todos os movementos que temos. Somos unha besta altamente letal e violenta. Porque si, Carrion é un título moi violento, tal e como xa se intuía desde os seus primeiros vídeos. Os pobres investigadores que pululan pola zona poden ser lanzados cunha agresividade brutal contra paredes e teitos. A morte é segura. Se os comemos, recuperaremos vida.

O lume é un elemento letal que causa enorme dor á criatura.

Ao longo desta demostración danse a coñecer varios tipos de inimigos: humanos desarmados, con pistolas, equipados con protección especial e lanzalapas, e robots de combate. Cada cal require unha estratexia diferente para lograr a supervivencia. Malia que somos fortes, non abonda con ir cara adiante e arrasar con todo. Non é tan doado. O sixilo tamén é clave e obrigatorio se non queremos ver como o lume, moi daniño, drena as nosas barras de saúde.

O apetito da criatura, infinito, encaixa coa fame que tamén deixa no xogador, que cando empeza a desprazarse con soltura ve finalizar este primeiro episodio. A idea é ir avanzando, matando todo o que se move, na procura de portas e interruptores que permitan achar novas zonas. Neste traxecto tamén adquirimos novas habilidades que axudan a ese obxectivo. Algúns destes cambios tamén se perciben na criatura, que aumenta o seu tamaño e simula ser aínda máis perigosa. Os berros dos investigadores son música celestial para os seus tentáculos.

Fluído por partida dobre

De novo, un estudo independente elixe o pixel-art como catalizador visual para a súa obra. Os motivos poden ser moitos, pero Phobia Game Studio fixo, polo momento, un traballo espléndido neste apartado. A criatura e os escenarios convencen, e os movementos contan cunha enorme cantidade de detalle. A criatura semella viva, e o seu comportamento é o esperado para un ente destas características na imaxinación colectiva.

Hai un bo nivel de destrución do escenario, obrigatorio por momentos, que permite soñar cuns escenarios máis variados na obra completa. Na demo advírtense dous ambientes diferentes: un metálico, típico dunha instalación deste tipo; e un selvático, quizais creado para experimentos concretos. Tamén se intúe que a auga será un elemento importante, xa que a súa presenza permite novos movementos á protagonista desta historia.

Sen data exacta, haberá que agardar un tempo para que estudio e editora marquen o día no calendario. A cousa, nunca mellor dito, promete.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.