Actualidade Iraq prohíbe xogar a Fortnite e Playerunknown’s Battlegrounds

Iraq prohíbe xogar a Fortnite e Playerunknown’s Battlegrounds

Primeiro foi India. Agora, Iraq. O país de oriente medio ordenou a prohibición de xogar tanto ao xogo de Epic Games, Fortnite, como ao de Bluehole, Playerunknown’s Battlegrounds.

Segundo as axencias de comunicación internacionais, o goberno iraquí vén de marcar aos dous battle royale co sinal do veto, resultado dos efectos negativos causados por estes xogos na saúde, a cultura e a seguridade da sociedade iraquí, sendo considerados unha ameaza social e moral para os nenos e os mozos. Todo isto, segundo o goberno.

As autoridades iraquís sosteñen que PUBG é un título adictivo e non promove ningún valor positivo para a sociedade.

O clérigo chiíta e ex-xefe da milicia do Exército Mahdi, Moqtada al- Sadr, afirma que  Playerunknown’s Battlegrounds é adictivo e pediu ao goberno a súa prohibición a pasada semana. «Que ganas se matas a unha ou dúas persoas no PUBG? Non é un xogo de intelixencia ou un xogo militar que proporcione a forma correcta de loitar», escribiu al- Sadr nun comunicado público.

A resposta da comunidade iraquí foi certamente negativa cara á prohibición, pero non tanto polo feito do veto en si mesmo, senón porque consideran que o goberno debería ter outras prioridades tales como dotar ao país dunha infraestrutura adecuada e solucionar as inestabilidades políticas polas que atravesa. Segundo informa Reuters, o parlamento local só puido aprobar unha peza legal dende a súa formación en setembro de 2018: unha lei de orzamento federal, durante o mes de xaneiro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de carne
    • En: 22 de Abril de 2019

    Gústame o razoamento ese de “qué ganas matando en pubg?”. Pode que todo isto se arreglase cambiando as moedas do xogo por cabras, primoxénitos ou potenciais virxes no paraiso.