Actualidade Jonathan Warner, director de Anthem, abandona BioWare

Jonathan Warner, director de Anthem, abandona BioWare

Cunha concisa mensaxe nas súas redes sociais, Jonathan Warner confirmou que non continuará formando parte do persoal de BioWare, estudio no que levaba traballando unha década.  «Hoxe é o meu derradeiro día en BioWare, voume para facer cousas novas», escribía o pasado venres o que foi director de Anthem, «BioWare foi a casa do meu agradecido corazón por preto de dez anos e quero desexarlles o mellor. Non podo esperar a xogar desde este lado da pantalla. Grazas BioWare».

Jonathan Warner. Fonte: Variety.

Na mesma mensaxe, Warner aseguráballes aos fans que os futuros títulos Dragon Age, Mass Effect e Star Wars: The Old Republic quedaban en boas mans. Sexa como for, a saída de Warner da empresa prodúcese só un mes despois da cancelación de Anthem NEXT, a segunda vida que, en teoría, ía ter o título de acción cooperativo editado por EA.

Non é o primeiro executivo que abandona o seu posto nos últimos tempos. A principios do pasado decembro, Casey Hudson, director xeral do estudio, e Mark Darrah, un dos principais produtores de Dragon Age, tamén abandonaron os seus respectivos proxectos, explicando que querían deixar oco á seguinte xeración de creadores.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.