Análises Kingdom Hearts: Melody Of Memory :: Celebración ao ritmo da música

Kingdom Hearts: Melody Of Memory :: Celebración ao ritmo da música

Case dous anos despois do esperadísimo Kingdom Hearts III, a saga creada e dirixida por Tetsuya Nomura volve ás consolas. Melody Of Memory aterrou o pasado día 13 para deixar atrás, por fin, todo o acontecido con Xehanort e enfocar a próxima etapa de Sora, Riku, Kairi e compañía cunha última viaxe a través da música que nos acompañou dende o 2002 nas entregas desta franquía de Square Enix.

Desenvolvido polo estudio indieszero, creadores dos Theatrythm Final Fantasy, Melody Of Memory ía seguir esta fórmula, pero Nomura decidiu que o xogo de ritmo que celebraría as composicións de Yoko Shimomura tiña que estar máis preto do que Kingdom Hearts é como saga. Así, naceu este peculiar título que consiste, basicamente, en percorrer todos os mundos que visitamos (case) dende a primeira aventura de Sora e derrotar todo tipo de inimigos ao ritmo da música. Coma sempre nos xogos dirixidos por Tetsuya Nomura, por moi secundario que sexa, atoparemos algo de historia. Neste caso, Kairi explora as súas lembranzas na procura dalgunha pista no seu corazón que a leve ata o desaparecido Sora.

As “inmersións nemónicas” levarannos a través bonitos montaxes de imaxes da saga

En canto á propia experiencia do videoxogo, a presentación visual simple, cun gran pentagrama no que as 3 personaxes van derrotando os inimigos que aparecen, axuda moito a superar a primeira barreira, que é a aparente complexidade dos xogos de ritmo. A isto tamén axuda o selector de dificultades —principiante, normal e experto— e a cualificación de 1 a 15 —sendo 15 o desafío máximo— que o título adxudica a cada canción para avisar ao xogador do que lle espera en cada unha delas. Se da algo non hai dúbida, é que Melody Of Memory non discrimina a ninguén e trata de atraer incluso a quen non é moi fan dos xogos de ritmo, pois os temas de Shimomura –e a nostalxia que os acompaña, todo sexa dito– ben valen un intento a este xogo tan diferente dentro da saga. O modo principal é a “Xira Mundial”, onde viaxaremos coa nosa nave gumi a través dos icónicos mundos da saga. Alí espérannos dúas cancións, polo xeral: a do mundo en si e a de batalla. En cada unha haberá tres “misións” para cumprirmos que non adoitan ser moi complexas, salvo as que requiren unha certa cantidade de puntos ou combos na dificultade máis alta, e estas misións serán as que nos permitirán progresar, pois ao longo do camiño haberá portas que nos pedirán un certo número delas completadas para poder seguir. Por fortuna, apenas son necesarias algo máis da metade delas para chegar ao mundo final e a medida que vaiamos xogando todos os mundos, cumpriremos os requirimentos sen problemas. 

Unha das cousas máis loables deste título é a cantidade de contido que Square Enix e Indieszero foron capaces de meter nun xogo tan lixeiriño, que podemos rematar en oito ou dez horas. Unhas 150 cancións están presentes neste Melody Of Memory e entre elas hai incluso clásicos de Disney como Circle Of Life de Elton John famosa por abrir o filme O Rei León ou A Whole New World (Un Mundo Ideal de Aladdín). Unha vez as desbloqueemos na Xira Mundial, poderemos xogalas libremente na Selección de Temas, onde tamén agardan por nós distintas formas de xogar como o “modo profesional”, que ofrece unha dificultade extra ao engadir máis botóns á formula de X, L1, R1 e Triángulo do gameplay convencional. No Museo hai centos de coleccionables en forma de renders, escenas e debuxos orixinais de todos os xogos da saga que iremos desbloqueando a medida que xogamos e que engaden ese incentivo para seguir unha vez rematamos a historia. Ademais, contamos cun modo cooperativo e outro versus no que podemos enfrontarnos coa máquina e con outros xogadores en liña. 

Temos ata 150 cancións diferentes para desbloquear e xogar libremente na Selección de Temas

Á hora de enfrontar este xogo, o primeiro que chama a atención é o satisfactorio que resulta —aquí aparece un chisco a nostalxia— pegarlles aos sincorazóns ao ritmo das icónicas cancións de Yoko Shimomura. Detalles como o deseño sonoro, que aporta moito máis impacto ás nosas accións cos sons das diferentes armas batendo nos inimigos, contribúen a esta sensación. Tamén é certo que non todas as pezas escollidos por Square Enix son moi adecuadas para este tipo de experiencia, malia que os temas de batalla destacan en especial. O mapeado das cancións, cos inimigos aparecendo ás veces incluso de sorpresa, é moi orixinal e o feito de animalos para axudarnos a timear as nosas respostas, dálle moita vida ao título. Agradécese tamén a inclusión de obxectos como pocións, duplicadores de experiencia ou a invocación de Mickey Mouse que nos axudan, tanto a superar os niveis como a acadar mellores puntuacións. A orfebrería dos moguris tamén está presente, permitíndonos desbloquear algunhas cancións cos materiais que nos dan ao rematar niveis e conseguir os coleccionables máis facilmente a través do crafteo.

Dependendo da dificultade, o xogo pediranos que atinemos máis notas ou menos poñendo inimigos no pentagrama

Ora ben, non debemos esquecer que estamos ante unha entrega baseada nunha gran maioría en assets reciclados dos remasters feitos para PS3 e PS4 que saíu á venda ao prezo completo de saída (60 euros). De feito, o contido do xogo máis recente, Kingdom Hearts III, –desenvolvido noutro motor gráfico– é moi limitado e consta unicamente de vídeos pre-renderizados —o que o xogo chama “inmersións nemónicas”—, polo que non forman parte dos niveis convencionais nos que machacamos inimigos ao ritmo da música. Unha mágoa, pois a banda sonora deste último título é unha das mellores de toda a saga. 

En definitiva, Kingdom Hearts: Melody Of Memory acerta á hora de ofrecer unha experiencia completamente diferente a todo o que Nomura e compañía tíñanos acostumados. Trátase dun bo xogo de ritmo, orixinal e moito máis accesible que a entrega estándar deste xénero, pero tamén pode sentirse algo repetitivo e non todas as cancións escollidas son divertidas de xogar. Aínda así, funciona, tanto como catalizador da nova fase na que entra a saga de Square Enix como de celebración de todas as entregas anteriores. Unha celebración algo cara, iso si.

7.0

O mellor

  • Moi satisfactorio
  • Banda sonora excelente
  • Moi accesible
  • Moito contido

O peor

  • Non vale o prezo completo de saída
  • Algunhas cancións non se adaptan ben a este formato
  • Pode facerse repetitivo
Sergio Fernández

Obsesionado co das consoliñas dende que me regalaron a PS2. Moi de Kingdom Hearts e de David Cage. Cando non estou cos videoxogos, podes atoparme escoitando música ou vendo series.