Actualidade Konami atrasa o lanzamento da versión 1.00 de eFootball até primavera do 2022

Konami atrasa o lanzamento da versión 1.00 de eFootball até primavera do 2022

A chegada da versión 1.00 de eFootball terá de agardar. Konami fixo público o atraso da súa estrea, prevista para o 11 de novembro. Finalmente, chegará na primavera do ano que vén. A versión de móbiles tamén chegará nas mesmas datas.

Aproveitando a conxuntura, a compañía xaponesa tamén retirou da venda o polémico paquete premium, xa que o seu contido só funcionaban coa versión 1.00. A devolución para os usuarios que o mercaron realizarase de forma automática.

Sexa como for, moito terá que remar eFootball para se colocar como un verdadeiro rival de FIFA ou de Electronic Arts. A versión demo que chegou o 30 de setembro converteuse en branco de críticas e nun dos xogos peor valorados de Steam —que se di pronto— por culpa dos seus múltiples bugs, o seu escaso contido e a súa mediocre xogabilidade. Actualizacións posteriores non salvaron os mobles.

«Lanzaremos a v0.9.1 para corrixir numerosos erros de forma secuencial en cada plataforma a partir do 5 de novembro. Seguiremos mellorando e actualizando o noso xogo. Máis adiante anunciaremos os detalles das novas actualizacións e o calendario, así como a versión para móbiles», comentan os responsables do título no seu comunicado. «Trasladamos as nosas máis sinceras desculpas polas molestias que lles poidamos causar aos nosos usuarios, e a todos os interesados que estiveron pendentes deste título».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.