Actualidade Little Hope será o vindeiro título de terror de The Dark Pictures

Little Hope será o vindeiro título de terror de The Dark Pictures

Faltan só unhas horiñas para que Man of Medan apareza nas tendas de todo o mundo. A nova aventura narrativa de terror creada por Supermassive Games —Until Dawn— meteranos o medo no corpo grazas a unha historia de barcos e desaparicións misteriosas en alta mar.

O estudo xa anunciara no seu día que este título sería o primeiro dunha serie chamada The Dark Pictures que irá recibindo xogos pinga a pinga, susto a susto. Así, a seguinte obra levará por título Little Hope, unha historia de bruxas, bosques e mortes. O adianto desta nova aventura pódese ver ao final de Man of Medan, como unha especie de recompensa ou extra por rematalo. Claro que tamén podes velo aquí…

Malia que o teaser achega algunhas pistas, pouco ou nada se pode sacar en claro da súa historia, máis aló dese pano máxico e escuro que rodeará aos seus protagonistas. O seu lanzamento debería producirse ao longo do próximo ano en Xbox One, PC e PlayStation 4. Antes diso, primeiro, haberá que sobrevivir en base ás nosas decisións —ou morrer— en Man of Medan.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] e podemos estar ante o comezo dunha saga imprescindíbel para os amantes do terror. Por suposto, xa coñecemos o nome do seguinte título, Little Hope, ambientado noutro escenario e con outros personaxes. A vida segue, o Contador de historias agarda. […]