Actualidade Marvel’s Avengers fai pública a duración da súa historia

Marvel’s Avengers fai pública a duración da súa historia

Entre dez e doce horas. É a duración aproximada da nova obra de Crystal Dynamics cos Vingadores como protagonistas. «Coido que a cousa vai depender principalmente do tipo de achegamento que levedes a cabo co videoxogo e a profundidade que cheguedes a querer alcanzar con el», explicou o responsábel da marca, Rich Briggs, nunha entrevista con ComicBook.

A duración proposta por Briggs centraríase só na historia, podendo ser alongada até as trinta horas se decidimos tomar con máis calma a aventura, explorar todos os recunchos dos escenarios e resolver as misións secundarias propostas. O creador compara Marvel’s Avengers con Shadow of the Tomb Raider neste eido.

Máis aló de números exactos, o responsábel da obra lembrou que se trata dunha duración próxima a doutros xogos do estudio feitos nesta xeración. Amais, sinalou que a historia será ampliada con contidos gratuítos de historia, xunto a máis heroes que chegarán despois do lanzamento inicial.

Hai uns días, na New York Cómic Con 2019, presentouse ao sexto personaxe xogable do xogos, Kamala Khan, tamén coñecida como Ms. Marvel.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.