Miyazaki ofrece máis detalles sobre o mundo e a acción de Elden Ring

Miyazaki ofrece máis detalles sobre o mundo e a acción de Elden Ring

Malia termos xa tráiler de Elden Ring, somos unha especie difícil de contentar. Si, vimos en acción o xogo, mais que faremos nel? Cal é o seu sistema de xogo? Hidetaka Miyazaki revelou a través dun par de entrevistas, unha con IGN, outra con Famitsu, diversos detalles sobre a xogailidade da súa nova obra.

Como xa podes ver e ler a entrevista directamente, alén de citar as súas respostas, preferimos deixar un breve esquema que resume os puntos máis interesantes ou destacables das súas palabras:

  • Haberá unha área central que conectará os seis escenarios dos que dispón o título. Nesta área (vasta e aberta) haberá un mapa que podemos ver en calquera intre. Poderemos ir a cabalo por ela, aniquilar inimigos e, en poucas, palabras, facer o que queiramos.
  • Haberá, por suposto, lugares non tan abertos: fortalezas, mazmorras, pasadizos, castelos, catacumbas…
  • Nos escenarios como tal (que, entendemos, se corresponden con áreas temáticas tipo: o pantano, o volcán, o cemiterio…) non haberá mapa.
  • Poderemos crear o noso propio personaxe e haberá múltiples finais.
  • Haberá xefes, claro, e tamén os haberá opcionais.
  • A historia será máis accesible para todo o mundo (lembra que está George R. R. Martin ao guion), é dicir, non tan oculta como nos Souls.
  • Seguirá sendo un xogo difícil, aínda que Miyazaki cre que un pouco menos esixente (aínda que haberá momentos e momentos).
  • Haberá multixogador asíncrono tipo Souls: mensaxes, consellos e ata unha conexión directa entre amigos.
  • Na área central poderemos xogar en compañía, explorar e facer o burro.
  • É, por suposto, o mapa máis grande feito por FromSoftware.
  • Semella que teremos algo así como compañeiros espirituais, invocacións, durante o combate. Poden ser enlazadas como unha arma no menú e crecerán en poder e utilidade.
  • A duración do título, realizando algunha que outra secundaria e logo indo a lume de biqueira coa historia principal, rolda as 30 horas.

Pois iso, que hai moita gana de ver como será Elden Ring. Chega en xaneiro, mais é evidente que teremos noticias e máis imaxes máis pronto que tarde.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.