Actualidade Netflix ten pensado ofrecer tamén videoxogos na súa plataforma segundo Bloomberg

Netflix ten pensado ofrecer tamén videoxogos na súa plataforma segundo Bloomberg

Semella que o xogo na nube é unha torta demasiado e grande e demasiado saborosa como para non querer un chisco dela. Netflix, a plataforma de streaming de contido audiovisual, disque tamén quere ofrecer videoxogos nun futuro non moi afastado.

A información parte do medio internacional Bloomberg, onde tamén está indicada a contratación de Mike Verdu, antigo executivo de Electronic Arts e Facebook, para liderar a súa expansión dentro do mundo dos videoxogos.

As fontes consultadas polo medio explican que a intención da compañía vermella é ofrecer títulos na mesma plataforma de Netflix a partir do 2022. Os videxogos serán incluídos na tarifa actual como un xénero de entretemento máis, sen aumentos no prezo nin intención de facelo.

Non é a única empresa allea á industria do videoxogo que amosou interese en formar parte dela. Walmart, a franquía de supermercados máis coñecida dos Estados Unidos, ten pensado asaltar o mercado dixital cun sistema de seu, tal e como foi revelado no xuizo de Epic contra Apple.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.