Nin Movementos Z, nin Megaevolucións en Pokémon Espada e Escudo

Nin Movementos Z, nin Megaevolucións en Pokémon Espada e Escudo

Aos poucos, Game Freak mantén aberta a billa de detalles sobre Pokémon Espada e Escudo no E3 2019. A parella de xogos, que dará inicio á oitava xeración da franquía, chegará a Nintendo Switch en novembro e farao sen Megaevolucións; tampouco poderemos utilizar Movementos Z.

O encargado de confirmar a noticia foi Junichi Masuda, máximo responsable da compañía xaponesa, durante un encontro con Famitsu. A nova entrega da marca Pokémon perde as Megaevolucións –introducidas na sexta xeración– e os Movementos Z –introducidos na sétima–.

Os xogadores poderán unirse para derrotar a Pokémon en estado permanente de Dynamax.

Que estes dous elementos de xogabilidade estivesen presentes nos novos xogos era algo difícil. A chegada de Dynamax, esa posibilidade de facer xigantes aos nosos Pokémon durante o combate e facelos máis poderosos, xa é un elemento suficientemente equilibrado como para incluír outros a maiores e facer perigar o sistema interno de xogo. Game Freak non quere que os duelos entre adestradores acaben por ser un festival de mecánicas e luces.

Tampouco teremos unha Pokédex Nacional

En Pokémon Espada e Escudo tampouco contaremos cunha Pokédex Nacional completa. A franquía xa supera as 800 criaturas, de sumarmos todas as xeracións, pero nesta entrega para Nintendo Switch só teremos dispoñibles os datos das especies que poidamos capturar durante a aventura, polo que impedirá transferencias vía Pokémon HOME. Polo menos, por agora.

Masuda foi, de novo, o encargado de informar deste feito. Porén, hai un motivo de peso para esta limitación: a enorme cantidade de tempo que leva programar en tres dimensións a todas e cada unha das especies. De momento, os Pokémon de Galar serán os únicos cos que viaxar e combater nesta illa que toma como referencia Gran Bretaña para o seu deseño.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.