Nintendo mellorará a batería da Switch orixinal

Nintendo mellorará a batería da Switch orixinal

Despois do anuncio do novo modelo Lite, Nintendo tamén quixo desvelar unha notábel modificación para a consola orixinal a través da súa web xaponesa. Segundo a comparación que realiza entre os dous modelos, sinálase que a batería de Switch durará agora entre 4,5 e 9 horas —na actualidade dura entre 2,5 e 6,5 horas en modo portátil—, polo que superará por moito a duración da nova Switch Lite, que terá enerxía para xogar entre 3 e 7 horas, dependendo do rendemento do videoxogo.

Hai uns días a FCC americana rexistrou un informe para aprobar o futuro lanzamento dunha versión revisada de Switch con novo chip e memoria flash. Todo apunta a que a principal novidade desta revisión será a nova versión do chip Tegra, con nome en clave Mariko, que tamén estaría no interior de Nintendo Switch Lite.

Desde Eurogamer, medio que deu o aviso e confirmou a chegada en setembro desta revisión para o territorio europeo, tamén falaron cun representante da compañía en UK que explica que non hai unha data exacta xa que non se trata dun lanzamento oficial ou dun novo modelo como tal, mais si da mellora dos compoñentes dunha máquina xa existente.

Semella que Nintendo quere responder dalgún xeito ás peticións dun modelo Pro, reclamado por un sector da comunidade de xogadres. Porén, Doug Bowser, director da compañía en América, afirmou hai uns días que ese modelo non está nos plans da empresa. Sabendo isto, se estás a pensar en comprar unha Switch quizais compense agardar até setembro.

Novas cores para os Joy-Con

Segundo afirmou nas súas redes sociais americanas a propia Nintendo, a consola híbrida recibirá dous novos pares de Joy-Con de cor morada-amarelo e azul-verde lima. Ambos os dous estarán dispoñibles o 4 de outubro.

A primeira opción parece facer referencia ás cores principais de Wario, o inimigo de Mario, aínda que cun lixeiro cambio de ton no amarelo. A segunda posibilidade de compra toma como referencia os motivos do Capitán Falcon, algo curioso, sobre todo porque F-Zero está desaparecido do catálogo da gran N desde hai tempo.

Estes Joy-Con terán un prezo de 79,99 dólares en Estados Unidos. Aínda non hai prezo confirmado para Europa.
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.