Nintendo Switch non para e roza os 37 millóns de dispositivos despachados

Nintendo Switch non para e roza os 37 millóns de dispositivos despachados

Tampouco falta Nintendo á súa cita trimestral coas cifras. No seu último informe financeiro, a compañía confirma que xa vendeu 36,78 millóns de unidades de Switch.

A consola híbrida ocupa boa parte de todos os datos que recolle o documento da empresa, que tamén arroxa detalles sobre as vendas dos seus títulos ao longo dos últimos meses. Entre os meses de abril e xuño de 2019, vendéronse nada menos que 2,13 millóns de unidades de Switch, case corenta millóns desde o seu lanzamento en marzo de 2017. Nintendo non modificou a súa previsión a medio prazo de vender 18 millóns de consolas até marzo de 2020.

Este último trimestre, vendéronse 22,61 millóns de títulos, onde destaca, por méritos de seu, o lanzamento aínda recente de Super Mario Maker 2, que vendeu 2,42 millóns de unidades en tan só tres días, o que o sitúa preto de entrar entre os dez xogos máis vendidos da consola.

A compañía da gran N vén de actualizar as cifras de vendas de todos os seus xogos e amosa ao mundo cales son —e con que cifras— as obras máis vendidas para Switch.

  1. Mario Kart 8 Deluxe – 17,89 millóns
  2. Super Mario Odyssey – 14,94 millóns
  3. Super Smash Bros. Ultimate – 14,73 millóns
  4. The Legend of Zelda: Breath of the Wild – 13,61 millóns
  5. Pokemon: Let’s Go, Pikachu! / Pokemon: Let’s Go, Eevee! – 10,98 millóns
  6. Splatoon 2 – 9.02 millóns
  7. Super Mario Party – 6,99 millóns
  8. New Super Mario Bros. U Deluxe – 4,10 millóns
  9. 1-2 Switch – 3,01 millóns
  10. Mario Tennis Aces – 2,75 millóns

Mario Kart 8 Deluxe é o maior éxito en vendas de Nintendo Switch.

A máquina híbrida está na moda

Nintendo ingresou entre abril e xuño 172.111 millóns de iens—uns 1.420 millóns de euros—, un 2,4 % máis que no mesmo período do ano anterior.

Ademais, as vendas de hardware de Switch foron un 13,2 % superiores ás de 2018 polas mesmas datas, namentres que as de software incrementáronse nun 25,9 %. O gran momento da consola híbrida é inversamente proporcional ao afundimento de Nintendo 3DS, que caeu en hardware e software ao redor dun 50 %.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.