Actualidade Novo tráiler e información da Fundación, o primeiro DLC de Control

Novo tráiler e información da Fundación, o primeiro DLC de Control

Foi un dos nomeados a Xogo do Ano na máxima categoría de The Game Awards na súa última edición e nuns días recibirá novo contido para continuar a súa historia. Control conseguiu ser un dos títulos imprescindíbeis do 2019 dentro da acción en terceira persoa, polo que non poucos usuarios agardan a súa primeira gran expansión, A Fundación, que aterrará este 26 de marzo como exclusiva temporal de PlayStation 4 e PC.

Así loce o seu novo adianto:

Protagonizada tamén por Jesse Faden, cóntasenos que unha estrutura da Casa Inmemorial, coñecida como Monólito, foi danada e producíronse filtracións no Plano Astral da Fundación cara á dimensión que habitamos. Jesse deberá buscar a directora de operacións da oficina federal, Helen Marshall, desaparecida na historia principal, para evitar un desastre maior.

Segundo o anunciado pola propia Remedy, este DLC ofrecerá un engadido narrativo de importancia, sumando 4 ou 5 horas de xogo á historia principal. Entre as novidades que ofrece está unha nova habilidade chamada Shape e un novo inimigo, Hiss Sharpened. Poderá adquirirse por un prezo de 14,99 euros na máquina de Sony e en Epic Games Store, pero Xbox One deberá agardar até o 25 de xuño. Está dentro do pase de tempada, por suposto, que tamén inclúe a segunda expansión, de nome AWE.

Amais deste contido, habilitarase unha actualización para todos os usuarios que engade melloras no mapa, poder reatribuír todos os puntos de habilidade e unha mellora do escudo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.