Actualidade Novos detalles sobre Man of Medan, o futuro título dos creados de Until Dawn

Novos detalles sobre Man of Medan, o futuro título dos creados de Until Dawn

Os creadores do encomiábel Until Dawn quixeron achegar novos datos sobre o seu próximo proxecto, Mad of Medan. Trátase da primeira entrega dunha antoloxía de diversos relatos de terror que leva por nome The Dark Pictures. Este capítulo chegará o próximo 30 de agosto para PlayStation 4, Xbox One e PC cun prezo de 29,99 euros.

Bandai Namco e Supermassive Games manteñen a súa aposta pola narración interactiva e as aventuras de terror en terceira persoa. Historias que funcionan como ríos cos seus diversos afluentes e que se moven entre o suspense e o horror. Man of Medan contará con cinco protagonistas que explorarán os restos dun barco afundido durante a Segunda Guerra Mundial. Os barcos pantasma sempre teñen a súa aquel.

Todo aquel que decida reservar o título poderá acceder, de maneira exclusiva, á Versión do Conservador, un roteiro alternativo no que se poderá vivir a aventura dende unha perspectiva a maiores. Esta visión complementaria achega unha mirada un tanto distinta aos acontecementos e poñerase á venda por separado unha vea a luz o xogo, explica Bandai Namco.

«Esta versión outorga aos xogadores novas formas de influír na historia, o que conleva novos resultados. Os xogadores observarán e cambiarán os eventos e as relacións entre personaxes dende o punto de vista de personaxes sobre os que non tiñan control algún na primeira partida», sinala Pete Samuels, produtor executivo da antoloxía, nun comunicado.

Contará cunha dobraxe e tradución completa as seguintes linguas: inglés, francés, italiano, alemán, castelán e ruso.

A historia de Man of Medan levará aos cinco protagonistas a percorrer un barco afundido na Segunda Guerra Mundial.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.