Actualidade O CEO de Riot Games, Nicolo Laurent, demandado por acoso sexual

O CEO de Riot Games, Nicolo Laurent, demandado por acoso sexual

Riot Games continúa xerando noticias sobre acoso sexual. A compañía responsábel de League of Legends recibiu múltiples demandas relacionadas con problemas deste tipo nos últimos anos, feito que derivou nunha folga no ano 2019 na que se pedían medidas dunha vez por todas para controlar os abusos sobre as traballadoras. Xente como Scott Gelb, COO da compañía, foi suspendido durante dous meses após dicir que tocaba os xenitais dos seus empregados. Agora, as denuncias céntranse nas accións de Nicolo Laurent, actual director executivo da empresa.

O CEO de Riot recibiu unha demanda por acoso sexual a través da súa antiga axudante, segundo informa The Washington Post, que recolle a denuncia presentada perante o Tribunal Superior de Los Ángeles. Sharon O’Donnell comezou a traballar para Riot Games no ano 2017 e foi despedida o pasado xullo.

O’Donnel acusa o directivo de insinuacións sexuais recorrentes dentro da contorna laboral, de proposicións indebidas, e de acoso laboral para forzar a súa marcha despois de rexeitalo, até chegar ao seu despedimento o pasado verán. A demanda de O’Donnell chega a falar «dun patrón de acoso á demandante en base ao seu sexo e xénero» ao longo de toda a súa estancia na empresa, con enunciados nos que criticaba o seu «ton agresivo» ou lle esixía que debía ser «máis feminina».

Riot xa ofreceu información sobre o asunto e enviou aos medios un comunicado pronunciándose sobre a situación. «A demandante foi despedida da compañía hai sete meses baseándose en varias queixas ben documentadas dun conxunto de persoas. Calquera outra suxerencia é simplemente falsa», reza a mensaxe. Emporiso, Riot confirma que estableceu un comité especial para investigar o caso. Laurent, pola súa banda, prometeu a súa total colaboración e cooperación durante o proceso, asegurando que todas as acusacións serán exploradas con detalle.

Polo momento, o CEO seguirá no seu posto até la resolución do xuízo, que está programado en California e utilizará un xurado popular. Nunhas declaracións a GamesIndustry, a compañía non cede un milímetro na súa opinión: «Durante os últimos anos o ambiente no lugar de traballo foi unha prioridade e estamos moi orgullosos de dicir que tomamos os pasos necesarios para facer de Riot Games un bo lugar de traballo». Paga a pena lembrar que a finais do 2019, a empresa tivo de pagar unha compensación de 10 millóns de dólares ás máis de 1.000 empregadas y antigas traballadoras que pasaran pola compañía nos cinco anos previos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.