Actualidade O creador de John Wick levará a historia de Sifu ao cinema

O creador de John Wick levará a historia de Sifu ao cinema

Derek Kolstad, creador da máis que coñecida serie de películas de John Wick, está a traballar no guion da adaptación ao cinema de Sifu, o xogo de Sloclap, segundo avanzou en exclusiva o medio Deadline.

A produción está baixo o paraugas de Narrativa Kitchen, compañía fundada polo mesmo Kolstad e Dmitri Johnson, fundador tamén de dj2 Entertainment e produtor doutras adaptacións recentes como a realizada de Sonic —con éxito de público ao final—. Que se sabe da película en cuestión? Pouca cousa, alén de que quere contar a historia do celebrado videoxogo.

Johnson, ademais, ten xa en marcha outras producións co videoxogo como fonte, como é o caso de Tomb Raider —si, outra vez—, It Takes Two e Disco Elysium. A cousa non remata aí, pois tamén hai serie de Splinter Cell para Netflix e adaptación de Alan Wake para AMC. Queda moio que estrear.

De que ía Sifu? O certo é que conta unha historia bastante adaptable á pantalla grande. Un home busca vinganza tralo asasinato do seu mestre. Até aquí como sempre. Sorpresa? Que tes un encantamento co que podes resucitar unha e outra vez, ora ben, cada vez máis vello até non lograr voltar á vida. Non é a primeira vez que unha cinta de acción xoga cunha idea semellante: Edge of Tomorrow ou Boss Level poden ser bos exemplos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.