Actualidade O E3 2020 é cancelado por mor da expansión do coronavirus

O E3 2020 é cancelado por mor da expansión do coronavirus

Diversos medios xa o viñan anunciando durante as últimas horas e os rumores apuntaban na mesma dirección. O E3 2020 foi oficialmente cancelado por mor da expansión do coronavirus, tal e como confirmou a ESA. Será a primeira edición na historia do certame que non se celebre, desde a súa inauguración en 1995.

«Tras consultar cos nosos membros acerca da saúde e seguridade de todos na nosa industria tomamos a decisión de cancelar o E3 2020, previsto para o 9 ao 11 de xuño en Los Ángeles», indicou o equipo organizador da feira. Nos próximos días anunciaranse os reembolsos de cartos tanto aos visitantes como ás empresas que ían acudir este ano.

Porén, a ESA tamén anunciou que está a barallar as opcións dispoñíbeis para «coordinar unha experiencia en liña sobre a industria en xuño de 2020». Así, parece que os anuncios e novas das compañías non desaparecerán. Alén disto, confirmouse que seguen en pé os plans para celebrar o E3 2021.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.