Actualidade O Halloween Pass chega a Red Dead Online

O Halloween Pass chega a Red Dead Online

A celebración de Halloween ou Samaín foi evolucionando a nivel global até ser un evento transversal que pouco entende de fronteiras. Rockstar Games, do mesmo xeito que outras compañías e títulos, tamén quere aproveitar o tirón da celebración, por iso acaba de publicar o Halloween Pass para Red Dead Online.

Tal e como se indica dende Rockstar Club, o Halloween Pass, estará dispoñíbel ata o 16 de novembro. Custa quince varras de ouro e inclúe vinte niveles con recompensas. Os usuarios que consigan completar o último nivel obterán a reforma gótica da licorería e diversos artigos especiais de tempada, variantes místicas das arma e novos filtros e efectos para a cámara. En poucas palabras: o típico que se pode esperar dun evento desta clase.

Amais do xa comentado, acompañando ao Halloween Pass tamén chega unha nova actualización que engade o modo Dead of Night. Catro equipos deberán tentar sobrevivir a diversos grupos de zombis, nunha mestura de PvP e PvE. Todo usuario que xogue neste modo nos próximos días obterá o triplo de puntos de experiencia.

Se queres aproveitar para viaxar e facelo de balde, non é mal momento. A función de Viaxe Rápida será gratuíta toda a semana, ata o 26 de outubro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.