Actualidade Plants vs Zombies 3 confirma o seu desenvolvemento e abre alpha en Android

Plants vs Zombies 3 confirma o seu desenvolvemento e abre alpha en Android

Hai apenas unhas horas, unha das franquías máis exitosas de Electronic Arts confirmaba a súa volta. Plants vs Zombies 3 é real, e a súa aparición durante o día de onte por erro, sorprendeu a máis dun usuario que atopou título de PopcCap na Play Store. Tratábase dunha filtración. Hoxe, 18 de xullo, a compañía fixo o anuncio oficial.

Se accedes á tenda dixital poderás descargar a alpha do xogo, en caso de querer probalo. Por desgraza para os usuarios de iOS, tan só está dispoñíbel en Android. Para poder gozar do título, precisarás dun Galaxy S7 ou superior en canto a especificacións, con Android 6.0.

«Desde hoxe, PvZ 3 lanza unha alpha previa a través de Google Play Store. Durante esta alpha poderedes atoparvos con problemas no xogo —os zombis non se bañan a miúdo— e outras incidencias», explican os de PopCap. «Habilitarase, para os xogadores, un número limitado de descargas por fases, polo que se non tendes dispoñíbel a opción de descargardes o xogo nun primeiro momento, asegurádevos de comprobar a páxina outro día para conseguir a vosa oportunidade de xogar».

«En PopCap levamos traballando en PvZ durante anos e queremos levar as nosas queridas plantas e zombis aos xogadores actuais e aos da próxima xeración», detalla o estudo. «Estamos a traballar arreo para probar cousas divertidas das que queremos as vosas opinións e agardamos que vos embarquedes nesta viaxe connosco!».

A idea deste lanzamento de proba, é testear o sistema de combate. A compañía quere deixar claro que este Plants vs Zombies 3 está lonxe da súa versión final. Polo momento, non hai unha data aproximada para a súa versión 1.0, e tampouco para unha fase de probas noutros dispositivos.

Así loce o novo capítulo da famosa saga de PopCap. Porén, aínda precisa tempo para a súa finalización.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.