Actualidade Pokémon Escarlata e Púrpura chegarán o 18 de novembro para Nintendo Switch

Pokémon Escarlata e Púrpura chegarán o 18 de novembro para Nintendo Switch

Tal e como estaba programado, hoxe tivemos novo tráiler de Pokémon Escarlata e Pokémon Púrpura, a novena xeración de Pokémon e que tomará como referencia no deseño do seu mapa a Península Ibérica.

A nova entrega foi anunciada aló polo mes de febreiro, intre no que coñecemos os tres Pokémon iniciais. Logo algo de silencio como é habitual.. até agora. No novo vídeos puidemos coñecer os dos profesores do novo escenario, Albora e Turo, ademais da nosa rival Mencía.

Segundo o comunicado pola conta oficial, ambos os dous xogos serán un RPG de mundo aberto no que por vez primeira poderemos explorar o mundo sen ningún tipo de orde predeterminada, o que semella introducirá algún tipo de cambio á hora de xestionar os niveis das zonas —ou non—.  Por suposto, hai novos Pokémon, novas historias, novas lendas e novos camiños que percorrer. Falando de lendas, os Pokémon lendarios desta nova etapa serán Koraidon e Miraidon, protagonizando cadansúa portada.

Cando sairán do forno? Pois pronto: o 18 de novembro para Nintendo Switch en exclusiva.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.