Actualidade Pokémon Unite, a sorpresa da franquía en forma de MOBA

Pokémon Unite, a sorpresa da franquía en forma de MOBA

Se 2020 estaba a ser un ano realmente complexo e difícil de prever, o anuncio dun MOBA de Pokémon pasa a formar parte desa lista de acontecementos inesperados. Así é, The Pokemon Company confirmou o desenvolvemento de Pokémon Unite, un xogo de estratexia e combate por equipos, deseñado por TiMI (Arena of Valor, CoD Mobile) en colaboración co xigante chinés Tencent.

O mostrado no último Pokémon Direct permitiu coñecer algúns detalles deste título en liña, onde só un dos dous equipos de cinco xogadores poderá saír vencedor. Polo momento, cada un dos xogadores poderá elixir —sen repetir— entre dez Pokémon: Pikachu, Lucario, Gengar, Snorlax, Charizard, Blastoise, Venusaur, Clefable, Talonflame e Machamp. Como se xoga? Pois de xeito moi similar a outros MOBA, utilizando as habilidades únicas de cada Pokémon para derrotar aos rivais e ir dominando o mapa que se atopa dividido en dúas metades enfrontadas.

Sen data de lanzamento, chegará para iOS e Android, pero tamén para Nintendo Switch. Confirmouse que terá xogo cruzado.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.