Actualidade PS Vita deixará de producirse en Xapón proximamente

PS Vita deixará de producirse en Xapón proximamente

“Isto é todo, amigos”. Coa lendaria frase da Warner Bros semella que Sony pon fin á súa última consola portátil. PS Vita deixará de ser producida en Xapón ao longo deste 2019, o que supón practicamente a fin da máquina portátil, sendo o territorio nipón o único lugar do mundo no que mantén unhas boas cifras de vendas.

Puidemos coñecer, grazas á web oficial de Sony, que os dous únicos modelos que seguen dispoñibles, PCH-2000  ZA11 (PS Vita Black) e PCH-2000 ZA23 (PS Vita Aqua Blue), cesen a súa distribución e produción máis pronto que tarde. A pesar disto, non deixa de ser unha nova que todos agardabamos, xa que o pasado mes de setembro, dende PlayStation Japan afirmaron que deixarían de fabricar a PS Vita en 2019.

A pesar dos seus erros, PS Vita foi unha consola máis que interesante.

Vita foi presentada o 27 de xaneiro do 2011 e posta á venda o día 17 de decembro do mesmo ano en Xapón. A chegada a Occidente ocorreu o 22 de febreiro do 2012. Inicialmente, estaba destinada a competir directamente coa  Nintendo 3DS. Actualmente, a PlayStation Vita ten 16 millóns de unidades vendidas en todo o mundo, dos cales case 6 millóns concéntranse no país nipón, o cal permite facerse unha idea do éxito da consola no seu país de orixe.

A pesar de posuír títulos máis que dignos como Uncharted: O abismo de ouro, Hustle  Kings,  Everybody’ s Golf, Wipeout 2048, Gravity Rush, e de contar con continuacións de xogos como Killzone, Resistance, LittleBigPlanet, Mortal  Kombat e Call of Duty, Vita non chegou a ser o éxito masivo que a Sony quixo. Así, debido ás cifras de vendas da consola en Xapón, a maior parte do catálogo da portátil é de corte oriental, dirixido especificamente ao público asiático.

Tamén supuxo un lastre a decisión de eliminar os xogos en formato físico, sendo a PS Vita retrocompatible coa maioría dos xogos da súa irmá maior, a PSP. Esta decisión supuxo que unha ampla biblioteca de xogos físicos non puideran ser gozados na PS Vita, o que seguramente foi un punto importante na cabeza de máis dun á hora de adquirila ou non. Outras decisións, como os controis táctiles ou de movemento, non acabaron de convencer e foron rapidamente refugados.

Sony non ten previsto publicar unha sucesora. Despois de PSP, PS Vita foi a segunda consola portátil da empresa e semella que, a curto e medio prazo, non hai plans dunha nova máquina de similares características.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.