PS4 acada as 100 millóns de unidades vendidas

PS4 acada as 100 millóns de unidades vendidas

Sony Interactive Entertainment vén de publicar o seu novo informe financeiro, o primeiro deste 2019. O dato protagonista, o máis destacado pola compañía, é a superación dos 100 millóns de PlayStation 4 vendidas en todo o mundo. A compañía xaponesa nunca superara a barreira das tres cifras tan rápido —nin sequera con PlayStation 2, que acabou por ser a consola máis vendida da historia; no seu caso, tardou dous meses máis—.

A cousa vai de números. Neste primeiro período, que vai do 1 de marzo ao 30 de xuño, tamén se excederon os 1.000 millóns de xogos despachados. En só tres meses, PS4 vendeu 3,2 millóns de títulos, aínda que se trata dunha cifra inferior á do ano pasado, o que cambia o obxectivo total de vendas este exercicio fiscal, que queda fixado en 15 millóns de videoxogos. Antes era dun millón máis.

Outro dato de interese que ofrece Sony vén dado pola porcentaxe de ingresos procedentes das vendas dixitais (PS Store) que xa se atopan por encima do cincuenta por cento dos totais. É a primeira vez que ocorre tal fito. Este último trimestre, un 53 % das vendas de videoxogos foron dixitais.

PlayStation 4 sitúase como a máquina máis exitosa desta xeración. O seu duelo particular con Xbox One foi desequilibrado polos diversos exclusivos que a máquina negra de Sony recibiu —Marvel’s Spider-Man, God of War, Horizon Zero Dawn, Bloodborne…— e o desacerto de Microsoft na súa estratexia comercial após o lanzamento da súa consola. No horizonte, as novas máquinas xa se albiscan.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.