Actualidade Reggie Fils-Aimé deixa Nintendo of America tras trece anos como presidente

Reggie Fils-Aimé deixa Nintendo of America tras trece anos como presidente

Aínda que xeralmente a industria do videoxogo poida ser definida a través de títulos, proxectos e máquinas, hai nomes e caras que figuran nun imaxinario colectivo da mesma. Reggie Fils-Aimé, presidente de Nintendo of America, é máis unha delas. A súa aparición xunto a Shawn Layden e Phil Spencer, nos últimos The Game Awards, foi unha especie de retrato familiar dunha época. Nintendo, Sony e Microsoft sobre un mesmo escenario, con tres das súas personificacións máis populares. A partir do 15 de abril, Reggie Fils- Aime deixará de representar a Nintendo en America. Vén de anunciar a súa retirada.

Fils-Aimé deixa o seu posto tras trece anos como o mandamáis de Nintendo no continente americano (tras dous desempeñando outras funcións). Ten substituto. Doug Bowser, actual vicepresidente senior de vendas e márketing, asumirá un dos roles máis importantes dentro da compañía da Gran N.

A través dun comunicado en vídeo, o até agora executivo de Nintendo despídese de todos os seguidores da empresa de videoxogos. “Nintendo terá sempre unha parte do meu corazón”, explica Fils- Aimé, para despois agradecer todo o traballo que os seus empregados realizaron ao longo dos últimos anos. “Traballei e representei a unha marca marabillosa. Sinto que son un membro da comunidade de xogadores máis positiva e duradeira”. Tirando de xerga, afirma que isto non é un “game over” senón unha “subida de nivel” para gozar máis tempo coa súa familia e amigos.

Doug Bowser ocupará a posto vacante. Se, ten o mesmo apelido que o famoso inimigo de Mario.

Pola súa banda, o presidente da compañía Shunttaro Furukawa, di apreciar “todo o que Reggie fixo por Nintendo”. O xaponés definiu ao neoiorquino como unha persoa de “excepcional liderado”, á que lle desexa a mellor das sortes no futuro que está por vir. Furukawa tamén quixo comentar que se realizará unha transición no cargo de maneira moi suave, sen grandes cambios no horizonte. A aposta pola continuidade é obvia, ao confirmar a Bowser como o futuro presidente de Nintendo of America.

Despídese un veterano cun coñecemento profundo e habilidoso do sector. Hai que destacar que Fils-Aimé viviu de todo con Nintendo. Dende Game Boy Advance até os lanzamentos de Wii, Nintendo DS ou Nintendo Switch. Unha carreira con moitas máis luces que sombras que, de maneira previsible, configúrase como un trampolín laboral cara a onde o estadounidense decida.

Reggie Fils-Aimé estivo traballando no mesmo cargo durante trece anos.

O seu trato próximo co público e mesmo coa competencia valeulle un aluvión de mensaxes en redes sociais cargadas de boas intencións. Non poucos profesionais do sector quixeron chiscarlle un ollo, aínda como presidente de Nintendo of America.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.