Actualidade Remedy xa está a traballar en dous xogos relacionados con Control

Remedy xa está a traballar en dous xogos relacionados con Control

Remedy Entertainment, a desenvolvedora de Control, anunciou este mércores, 30 de xuño, que ten entre mans dúas novas obras que gardan relación co seu último lanzamento. Así, poderían ser entendidos como dous spin-off, dous escallos, do título orixinal. O primeiro será un multixogador que leva por nome (non definitivo) Project Condor. O segundo si sería unha secuela máis habitual, de «maior orzamento», segundo o indicado pola compañía.

A arte conceptual de Project Condor amosa unha equipa de catro xogadores cun inimigo, dentro dunha bolsa, aos seus pés, e que é a imaxe que acompaña esta noticia. O director da franquía, Mikael Kasurinen, explicou que entenderá as dúbidas iniciais dos seus seguidores perante a creación dun título multixogador, pero ve o asunto como un reto. «Creo que podemos crear experiencias compartidas sen comprometer o ADN de quen son, ou as historias que queremos contar. Si, teremos que repensar algunhas cousas, técnicas, estado mental, pero vémolo como un reto emocionante: como sería un xogo multixogador de Remedy?», sinala Kasurinen.

O director tamén avisa que desa posible secuela directa de Control pasará bastante tempo ata que teñamos noticias reais.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.