Actualidade Resident Evil 2 quere convencer ao mundo cunha demo xogable

Resident Evil 2 quere convencer ao mundo cunha demo xogable

O rumor alcanzara xa cotas de feito contrastado, pero faltaba a confirmación oficial. Resident Evil 2 contará cunha demo aberta para todos os xogadores de Xbox One, PC e PS4. Iso si, terá algunhas características especiais:

  • Poderase descargar entre o 11 e o 31 de xaneiro
  • Denominarase 1- Shot Demo e permitirá aos usuarios xogar durante trinta minutos.
  • Se se completan os obxectivos marcados no adianto, poderá seguirse xogando até alcanzar esa media hora.
  • Se morres durante a proba, poderás continuala, pero sempre dentro da marxe de tempo.
  • Unha vez finalizada, non se poderá volver gozar.
  • Rematar a demo obsequiará ao xogador cun tráiler exclusivo que poderemos ver sempre que queiramos.

Dende Capcom emitiron varios consellos á hora de investir o valioso tempo que outorga o adianto xogable, e comentan que no adianto estaremos nas botas do policía novato Leon S. Kennedy cando nada máis chegar á comisaría de policía de Raccoon City. Deberemos sobrevivir aos zombis que alí habitan e resolver quebracabezas para atopar unha saída segura da comisaría.

Esta revisión de Resident Evil 2 aterrará o 25 de xaneiro nas tendas dixitais e físicas. Unha aposta por devolver á vida un clásico atemporal, expandindo a súa xogabilidade pero mantendo a súa aura escura e carnívora.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.