Actualidade Resident Evil Village ofrecerá terror sobrenatural a esgalla o vindeiro 7 de maio

Resident Evil Village ofrecerá terror sobrenatural a esgalla o vindeiro 7 de maio

Semella que en Resident Evil Village convivirán diferentes tipos de terror: o de zombis, o da luz escasa, o do pobo maldito e o das mansións onde cada porta é un enigma. E algúns afortunados poderán empezar a coñecelo desde hoxe: xa hai demo en exclusiva para PlayStation 5. Cando chegará a outros sistemas? Pois non chegará até a primavera. Porén, o 7 de maio queda fixado como data oficial para a saída da obra completa.

Todos estes datos déronse a coñecer no último Resident Evil Showcase, onde tamén foron amosadas novas imaxes, tráiler e gameplay de Village. A cousa non acabou aí. Para celebrar o 25 aniversario da franquía, Capcom xa ten preparado un modo de xogo especial chamado  Re:Verse, unha sorte de multixogador no que acabarmos co resto de usuarios na pel de diversos personaxes e monstros da franquía, desde Nemesis a Leon, ou de Jack Baker a Claire. Non é un battle royale pero case. E si, tamén foi anunciada unha colaboración con The Division 2, que estará disopñíbel a partir do 2 de febreiro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.