Actualidade Rockstar busca o equilibrio para Red Dead Online

Rockstar busca o equilibrio para Red Dead Online

Novo sistema de recompensas e medidas para mitigar os comportamentos demasiado destrutivos dalgúns usuarios do seu modo en liña. Son algunhas das medidas estrela que Rockstar implantará en Red Dead Online co parche do próximo 26 de febreiro, tanto en PlayStation 4 como en Xbox One.

Aínda que non dá acabado de arrincar de todo o modo en liña de Red Dead Redemption 2, tampouco parece que Rockstar estea polo labor de renderse ou deixar de lado este apartado do seu título de vaqueiros. Coa chegada da nova actualización, agárdase un sistema de recompensas máis equilibrado no que os xogadores con peor fama serán perseguidos por PNJ que tentarán acabar coa súa vida. Ser un foraxido terá as súas consecuencias ante a Xustiza.

Coa chegada da actualización, os xogadores poderán ser perseguidos polo propio xogo por mor dos seus delitos.

O novo sistema fará que os comportamentos delituosos afecten á honra e ás recompensas dos xogadores segundo que delito cometan. Por exemplo, matar a outro xogador considerarase un delito grave, o que porá sobre a súa cabeza unha alta recompensa. Asaltar a un granxeiro terá un castigo menor. Por suposto, a maior recompensa, maior insistencia dos PNJ en capturar ao xogador, que non só se centrarán nel, senón en toda a súa banda.

Unha petición por fin respondida

Unha das queixas máis repetida polos usuarios de Red Dead Online foi sempre a visibilidade no mapa do mundo virtual de todos os xogadores. Unha mecánica abusiva nalgúns casos que mutará para mellorar a experiencia. A partires do 26 de febreiro só poderemos ver a posición doutras persoas se están a menos de cento cincuenta metros de distancia. Se utilizamos armas de fogo poderemos ser detectados a unha distancia un pouco maior.

Rockstar era consciente de que algúns xogadores mostrábanse demasiado abusivos con outros, polo que implantará un sistema de mala fama. Un parámetro que irá medrando a medida que acabemos coa vida doutros vaqueiros (ou dos seus cabalos) fóra dunha misión, evento ou competición. O simple paso do tempo fará que esta barra descenda, aínda que unha serie de delitos continuados ou moi xuntos no tempo fará que se dispare.

A mala fama dun usuario relacionarase directamente coa súa visibilidade no mapa. Canto máis malvado, máis fácil será localizalo e máis reconocible a súa cor, que pasará de azul a vermello escuro se é un verdadeiro asasino de sangue frío.

Xa non poderemos ver aos outros xogadores no mapa a enormes distancias.

Novas mecánicas de xogo

Ademais das novidades xa comentadas, coa nova actualización chegará un sistema de treguas e disputas. En que consiste? Tras ser asasinados por un xogador unha única vez poderase pedir unha tregua, un evento que se aplicará a todos os membros da banda agresora. Se o xogador decide seguir loitando, pode escoller a opción disputa, e participará nunha rápida partida a morte cronometrada, onde os xogadores loitarán entre eles.

Engadiranse tamén desafíos diarios que permitirán obter pebidas de ouro e experiencia extra. Doutra banda, aplicaranse algúns axustes nas armas existentes, así como no chat de voz para que só se active con xogadores a curta distancia.

Por certo, até o día da actualización, todos os usuarios gañarán o dobre de experiencia nos eventos e no Modo Libre se xogan en compañía.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.