Actualidade Ships of Fortune converte en emisarios os xogadores de Sea of Thieves

Ships of Fortune converte en emisarios os xogadores de Sea of Thieves

Mantendo a súa promesa e programa de actualizacións gratuítas habituais, Rare utilizou o Inside Xbox desta semana como escaparate para Ships of Fortune, o novo contido mensual de Sea of Thieves que chegará o vindeiro 22 de abril.

Con esta actualización, os xogadores converteranse en emisarios das súas Compañías Comerciais favoritas, podendo acudir onda os Acaparadores de Ouro, a Orde das Almas ou a Alianza Comerciante para xurar a súa lealdade cunha importante doazón de ouro. Que recibirán a cambio? Unha bandeira que os identifica como emisarios e outros obxectos cosméticos.

Haberá diferentes graos de emisario, algo que determinará o valor das recompensas especiais. As tarefas cotiás de cada compañía outorgarán recompensas multiplicadas aos xogadores que xuren lealdade, pero tamén poderán ser identificados por outros emisarios por mor das súas bandeiras, permitindo así abordaxes máis calculadas en busca dun botín concreto.

A cousa non acaba aquí. No horizonte contémplase unha nova compañía misteriosa. As doazóns á Estraña Enmascarada no Agocho do Segador por fin permitiron que se estableza un novo grupo coñecido como The Reaper’s Bones na illa e tamén acepta os seus propios emisarios, outorgando misións especiais aos piratas que compartan os seus ideais.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.