Sky: Children of the Light, o novo dos creadores de Journey, xa dispoñíbel en iOS

Sky: Children of the Light, o novo dos creadores de Journey, xa dispoñíbel en iOS

Leva por título Sky: Children of the Light e é o novo videoxogo de thatgamecompany, creadores dos recoñocidos e laureados Jorney e Flower. A obra xa se atopa dispoñíbel en iOS —polo momento, de maneira exclusiva— e pode ser descargado sen a necesidade de sacar a billeteira, aínda que si contén micropagos no seu interior.

Ao coñecermos os anteriores traballos deste estudio, é fácil imaxinar e comprobar como esta nova obra tamén conta cun apartado visual de enorme beleza, onírico, representado a través dun mundo no que debemos devolver as estrelas caídas ao seu ceo. Na pel dun neno destinado a cumprir esta misión, coñeceremos un universo en constante expansión.

Este último punto non é unha forma de falar ou unha metáfora. Os sete reinos que compoñen o mundo de Sky: Children of the Light iranse ampliando grazas ás diversas actualizacións que os seus responsables lacen nos vindeiros meses, algunhas máis grandes, outras máis pequenas, pero sempre coa idea de ampliar a personalización e a posibilidade de socializar do mellor xeito posíbel.

Malia que polo momento non hai nada confirmado, é posible que o xogo chegue a outras plataformas nun futuro a medio prazo. Recentemente, tanto Flower como Journey aterraron en PC grazas a a Epic Games Store.

O xogo conta cun apartado gráfico orixinal e de enorme beleza.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.