Actualidade Sony adquire unha participación minoritaria de Epic Games

Sony adquire unha participación minoritaria de Epic Games

Importante movemento empresarial o que vén de realizar Sony. A compañía xaponesa adquiriu unha participación en Epic Games por valor de 250 millóns de dólares. Isto supón que o 1,4 % da desenvolvedora pasa a ser propiedade de Sony, polo que a valoración total de Epic con esta operación estaría preto dos 17.860 millóns de dólares.

Após a colaboración conxunta na presentación de Unreal Engine 5, espérase aumentar e mellorar as relacións entre ambos os entes a longo prazo. Tim Sweeney declarou que «xuntos aspiramos a construír un ecosistema máis aberto e accesíbel para os os consumidores e creadores de contido».

No 2012, Tencent adquiriu un 40 % de Epic Games por 330 millóns de dólares. Oito anos despois desta adquisición, o valor da compañía é vinte veces superior ao que tiña naquel momento, o que supón unha das operacións financeiras máis frutíferas dos últimos tempos.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.