Actualidade Sony anuncia un novo sistema de realidade virtual para PlayStation 5

Sony anuncia un novo sistema de realidade virtual para PlayStation 5

Sony seguirá apostando pola realidade virtual en PlayStation 5. Era unha incógnita que a industria tiña que despexar, e semella que a compañía xaponesa xa o ten claro. A través do seu blogue oficial, puidemos coñecer os primeiros detalles sobre o vindeiro dispositivo VR da marca para a súa consola actual.

Non, non hai imaxes da máquina, e, realmente, a compañía xa avisa que tardaremos en velas, porque non sairá este ano (e xa veremos o que vén), pero si apunta a que será unha mellora evidente respecto ao PlayStation VR actual.

Hideaki Nishino, vicepresidente e responsábel de planificación da plataforma, sinala que o novo visor conectarase á consola cun único cable e que poderemos, por fin, esquecernos dos PlayStation Move; pois os novos mandos incorporarán «algunhas das funcionalidades do DualSense». Pouco máis se sabe, mais algunhas voces elacionan o anuncio cunha patente de Sony rexistrada tempo atrás. Aquí podes ver algunhas imaxes da idea.

O executivo tamén explica que mellorarán «a resolución, o campo de visión, o rastrexo de movemento e a latencia». Por que anuncia Sony agora este dispositivo? Pois por pura profilaxe, xa que o prototipo xa empezou a circular por aí entre as desenvolvedoras e a compañía quere evitar filtracións e deixalo claro: si, haberá VR en PS5.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.