Actualidade Starship Troopers estreará xogo de estratexia en 2020

Starship Troopers estreará xogo de estratexia en 2020

Starship Troopers é hoxe unha desas obras que ben pode adquirir a famosa definición de película de culto. A mítica loita entre humanos e bichos asasinos terá o seu propio xogo de estratexia o vindeiro ano. Chegará para PC.

Do mesmo xeito que na cinta orixinal, Starship Troopers: Terran Command expón a idea de dirixir un exército en loita contra os insectos xigantes que invaden planetas. Slitherine Games e The Aristocrats, son as empresas responsábeis do seu desenvolvemento.

O director de Slitherine, Iain McNeil, sinala que se trata dun videoxogo de estratexia e supervivencia, que mesturará mecánicas RTS, defensa de torres e despregamento táctico. «Queremos capturar a esencia da película orixinal e o seu universo. Isto non se logra unicamente creando un set coherente de unidades e escenarios, senón imitando a linguaxe, os elementos visuais, diálogos e os pequenos detalles que fixeron da película algo icónico e de culto», explica.

Tendo en conta os detalles presentados, Terran Command tamén terá campañas xeradas de forma dinámica e un modo historia no que as misións iranse desenvolvendo en base ás nosas decisións e rendemento no campo de batalla.

«Desexa saber máis?»

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.