Steam acada as mil millóns de contas rexistradas

Steam acada as mil millóns de contas rexistradas

A plataforma dixital de venda de videoxogos de Valve, Steam, conseguiu un novo récord histórico. A súa base de datos xa conta con máis de mil millóns de contas rexistradas segundo os datos publicados por Steam IDE Finder.

Hai quince anos que a tenda de Gabe Newell viu a luz. En setembro do 2003 Steam chegou para logo situarse, co tempo, como a principal plataforma do mundo á hora de gozar dos videoxogos en PC. Non só os vende, tamén permite subir mods, análises, comentarios, capturas de pantalla… Un conglomerado de elementos que lle permitiron alzarse como un xigante tecnolóxico de nome propio co que tan só Epic Store parece querer competir.

É certo que este novo dato, o dos mil millóns de contas, debe collerse con pinzas á hora de falar de realidade. Steam IDE Finder non distingue entre contas de bots, duplicadas ou de spam. O que si é certo, ou polo menos si conta con confirmación oficial por parte de Valve, é que Steam conta con 90 millóns de usuarios activos ao mes, sendo uns 47 millóns diarios, o que lle permitiu acadar a cifra dos 18,5 millóns de usuarios simultáneos. Unha barbaridade.

Unhas semanas atrás tamén se revelaba que a orixe dos usuarios é agora moito máis cosmopolita, sendo Europa e Estados Unidos os seus principais nichos de mercado no 2012. Agora, Asia xa é comparable a ambos os lugares, mentres que tamén aumentaron notablemente os usuarios rexistrados en América latina.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.