Actualidade Steam estrea a beta do Remote Play Together

Steam estrea a beta do Remote Play Together

Aos poucos, Valve tamén quere ir traendo novidades á súa tenda dixital. Unha das novas características que se implatarán nun futuro de xeito definitivo é a posibilidade de gozar en liña dos multixogadores locais. Soa raro? Pode, pero é máis doado de entender do que parece. A fase beta de Remote Play Together xa está activa

No seu primeiro comunicado,  Valve detalla que acceder a esta opción é tan fácil como compartir un mando cun amigo. Así, todos aqueles títulos que posúan modos multixogador locais, cooperativo local ou de pantalla dividida, entrarán dentro deste programa e poderán ser lanzados como unha invitación a un amigo de Steam sen que este teña o xogo na súa biblioteca. «Para facer as cousas máis sinxelas, só o xogo é mostrado aos vosos amigos. Nunca o escritorio, e podes compartir —ou limitar— o acceso ao teclado e o rato. É a vosa decisión», explican desde o blog de Steam.

Como se usa?

Trátase dunha beta, polo que debemos activar esta característica. Para iso debes pulsar en Parámetros na pestana de Steam dentro da aplicación, aí seleccionar Conta e logo marcar a Participación na Beta. Por último, toca marcar Steam Beta Update, para logo reiniciar o programa.

Unha vez feito isto e activada a beta de Remote Play Together, o proceso para sacarlle partido é sinxelo. Abres o xogo, buscas ao amigo co que queiras xogar desde a lista habitual e mándaslle unha invitación para usar Remote Play Together. Fácil e sinxelo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.