Análises Strange Brigade. Entre a enérxica diversión e a exploración aventureira

Strange Brigade. Entre a enérxica diversión e a exploración aventureira

Vaian por diante dúas couas básicas. Acción e diversión. Strange Brigade posúe ambas, e tanto se xogue só coma acompañado, os dous elementos están máis que asegurados. Nunca está de máis facer saltar en anacos a unha chea de momias, e niso o novo título de Rebellion cumpre con creces. Tamén hai humor, presente ao longo das súas partidas, e en certo modo hai sempre un aroma aventureiro, case cinéfilo na súa vertebración. Nun mundo onde moitas veces todo parece estar previsto, Strange Brigade pode ser un pequeno respiro no día a día. Agora ben, tampouco lle pidamos un milagre.

Na superficie e no fondo, a obra de Rebellion é un shooter dos pes á cabeza. Tentar darlle máis adxectivos non o fará máis apetecible, nin tampouco tapará os seus posibles defectos. Aquí trátase de cargar o arma e disparar a todo o que se move, e hai que dicir que cando un o fai acompañado a diversión multiplicase enormemente. Esquecede calquer tipo de profundidade no seu modo historia. O guión do xogo é un mero condimento para compensar a sobredose de adrenalina.

Na práctica, no seu modo máis narrativo, Strange Brigade consiste en atopar o destiño ao que queres ir, resolver un sinxelo rompecabezas e derrotar ao inimigos presentes. Un avance continuado entre perigosas hordas na búsqueda dunha clave que nos faga avanzar cara o seguinte nivel. Polo camiño, debemos tamén facer acopio de tesouros, e encher o noso misterioso medallón coas almas dos rivais caídos. Unha vez cheo, poderemos facer un ataque especial que de seguro virá como perlas en máis dunha ocasión.

Hai armas primarias, secundarias e especiais. Poderemos ir aumentando a nosa colección gastando os cartos obtidos ao longo dos niveis. Non hai unha excesiva variedade, pero é mellor que nada, claro está. Por outro lado, ao modo historia súmase o Modo Horda e o Modo Contrarreloxo. Ambos gañan enteiros en cooperativo, e talmente parecen feitos para elo. Dan renda solta aos amantes do gatillo e ofrecen unhas cantas horas de risotadas entre compañeiros.

Boa parte da gracia de Strange Brigade atopámola nos seus heroes protagonistas. Ao principio da partida poderemos escoller a personaxe que nos acompañe entre un elenco de catro posibles. Cada un posúe certas características clave, polo que non é baladí coñecelas previamente. Así, Nalangu Rushida conta cuns reflexos sobrehumanos, Gracie Braithwaita conta cun medidor de carga moito máis veloz co normal e ten uns puños que dan medo. Tamén temos ao profesor Archimidies, que ten a capacidade de atopar segredos ocultos e abrir estancias antiguas. Por último, temos a Frank Fairbune, o típico veterán de guerra que sabe o que se fai á hora de disparar.

Non é raro establecer certos paralelismos entre Sniper Elite e o título aquí descrito. É razoable e lóxico, tendo en conta o pasado do propio estudio que agora o lanza o mercado. Rebellion non se complica a vida é cumple co que foi anunciando nos últimos tempos. Exploración e acción. É certo, tamén, que a obra editada pode pecar de ter un prezo relativamente alto  (49,99 € en Steam) fronte a experiencia que realmente trae consigo. As misións son un tanto limitadas, da mesma maneira que a variedade de inimigos ou de monstros é bastante axustada. Están moi ben feitos iso si, e a sensación de estar dentro dunha película de aventuras chega a ser unha constante. É máis, a nivel gráfico, Strange Brigade pode chegar a sorprender grazas a súa excelente ambientación e detallismo.

Pode non ser un xogo perfecto, pero está moi lonxe de aburrir ou de contar cunha mala xogabilidade. Se queres pasar un bo anaco, dille a un amigo que tamén se faga con el, e de seguro pasaredes unhas cantas tardes matando momias. Quen lle pode dicir que non a iso. Se non che convence, agarda polas rebaixas. Cunha oferta decente, é un título que seguro triunfa entre os usuarios.

 

 

7.2

O mellor

  • Graficamente é chulo, e conta cunha ambientación moi conseguida
  • É, innegablemente, moi divertido (sobre todo en cooperativo)
  • A agradable fusión entre acción desmesurada e exploración máis lixeira

O peor

  • Non é un xogo punteiro, nin innovador, polo que se buscas algo diferente... pode non ser o teu
  • Non hai unha variedade de inimigos excesiva
  • A xugabilidade é boa, pero as mecánicas son limitadas, sen grandes momentos
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.