Actualidade Super Smash Bros. Ultimate non pensa engadir máis personaxes após o Fighters Pass Vol. 2

Super Smash Bros. Ultimate non pensa engadir máis personaxes após o Fighters Pass Vol. 2

Considerado hoxe o videoxogo de loita máis exitoso da historia logo de superar en vendas a Street Fighter II, Super Smash Bros. Ultimate promete un ano enteiro de contidos. O título comandado por Masahiro Sakurai sumará un total de seis novos personaxes ao longo deste 2020. Todos estarán incluídos dentro do Fighters Pass Vol. 2, o segundo pase de tempada no que tamén figuran novos escenarios, melodías e outro contido. Ora ben, parece que será o derradeiro DLC deste tipo.

O director xaponés vén de explicar que despois de lanzar esta serie de contidos non teñen planeado lanzar un Fighters Pass Vol. 3. Malia que isto non significa que a decisión poida ser revogada, semella que os plans de Nintendo para Super Smash Bros. Ultimate están xa rematados. Por suposto, nada se sabe sobre unha nova entrega, un anuncio que, como pouco, simularía demasiado cedo.

Sakurai tamén sinalou nas súas declaracións que el non elixe os personaxes que se inclúen no Pass. Polo momento, descoñécense todos os nomes novos, aínda que a comunidade non cesa no seu empeño de lanzar ideas á Gran N. Días atrás, o propio director recoñecía que quizais había demasiados personaxes de Fire Emblem, entre os que se inclúe a última incorporación ao cadro de loitadores: Byleth.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.