Actualidade Super Smash Bros. Ultimate xa é o xogo de loita máis exitoso da historia

Super Smash Bros. Ultimate xa é o xogo de loita máis exitoso da historia

O día tiña que chegar. O ascenso imparábel de Super Smash Bros. Ultimate como principal xogo de loita do mundo é un feito; máis aló das boas críticas recibidas pola crítica e os usuarios, as súas vendas son millonarias: o título de Nintendo distribuíu 15.71 millóns de copias por todo o mundo. A cifra fai que supere á obra máis exitosa neste eido até o de agora, o lendario Street Fighter II.

Ora ben, hai un matiz importante. Copias distribuídas non é o mesmo que copias vendidas, aínda que é certo que a compañía da Gran N non adoita mover copias ao chou, senón que realiza un férreo control da produción para evitar excedentes. Así, malia que a cifra poida ser máis oficiosa que oficial, pronto alcanzará o segundo status.

Porén, hai outro factor que o título de loita de Capcom podería utilizar para manter o seu trono, pois aos seus 15,5 millóns de copias vendidas que realizou no seu día, podería sumar as incluídas na SNES Classic Mini, polo que engadiría outras cinco millóns. É certo que Switch non trae ningún xogo preinstalado, polo que a súa fazaña sería aínda máis meritoria, segundo queiramos ver o vaso medio cheo ou medio baleiro.

Super Smash Bros. Ultimate viu a luz hai un ano, o 8 de decembro de 2018, polo que as súas cifras son astronómicas. Mañá, 6 de novembro, Nintendo realizará a presentación de  Terry Bogard, personaxe de Fatal Fury, como novo loitador, a través dun gameplay de 45 minutos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] Revelada meses atrás, a presenza de Terry Bogard en Super Smash Bros. Ultimate é toda unha homenaxe ao xénero dos xogos de loita. Desde o 6 de novembro, o personaxe de Fatal Fury e King of Fighters reparte golpes no título de Nintendo, convertido desde hai uns días na obra máis exitosa do seu xénero. […]

  2. […] posíbeis. Ora ben, a segunda praza é para Super Smash Bros. Ultimate, exclusivo de Switch e convertido no xogo de loita máis exitoso da historia desde hai apenas unhas semanas, após superar ao mítico Street Fighter […]