Actualidade Telltale Games camiña cara o seu peche

Telltale Games camiña cara o seu peche

O que empezou onte como un forte rumor confirmouse finalmente nas palabras do CEO de Telltale Games, Pete Hawley, a través dun comunicado na conta oficial da compañía en Twitter. O estudio de videoxogos estadounidense tería despedido ao noventa por cento do seu cadro de persoal para nun futuro próximo pechar as portas definitivamente a máis proxectos.

Así, os traballadores da empresa pasarían de 250 a 25, coa única idea de rematar a actual tempada de The Walking Dead. O estudio levaba un tempo no ollo do furacán, tras numerosos despidos e cos propios empregados falando dun “ambiente tóxico” dentro da compañía. Os proxectos como The Wolf Among Us  2 e Strangers Things son por tanto cancelados e The Walking Dead: The final Season, cun segundo episodio a piques de ver a luz, será o derradeiro. Todo apunta a unha bancarrota definitiva, mentres varios ex-empregados falan nas redes sociais que ningún dos despedidos terá acceso á liquidcación correspondente.

Certamente, a nova deixa un tanto sacudido o mercado do videoxogo estadounidense, sendo esta unha empresa que conseguira facerse con algunhas das licencias máis importantes do cine e da televisión dos últimos anos. Aínda sendo The Walking Dead o seu éxito máis popular, tamén editaron xogos baseados en Minecraft, Xogo de Tronos, Batman ou Jurassic Park. Moitos traballadores e usuarios criticaban dun tempo a esta parte o estancamento creativo no que se atopaba o estudio.

Nos próximos días é probable que se saiba algo máis de todo este asunto e do futuro a curto e medio prazo dos proxectos pendentes.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de carne
    • En: 22 de Setembro de 2018

    Eu creo que o problema de Telltale foi o lanzarse a comprar licencias, porque entendo que todo esto debe pagarse.
    Saiulles ben o Walking Dead e o The Wolf among us (este último, o seu xogo con máis xogadores simultaneos, cun pico de 14k segundo SteamDB), e comezaron a lanzar cousa moi nicho, , demasiadas e demasiado rápido. Iso é insostible…
    Ademáis, non tardaron en lanzar un HumbleBundle propio (xullo 2017), polo que gran parte das persoas que posúen os seus xogos non pagaron máis de 7 euros por todos eles.

    Unha pena, aínda que eu soamente xoguei ó Poker Night, que debeu ser gratis nangún momento, ó de Regreso ó futuro e pouco máis…

      • Carlos Pereiro
      • En: 24 de Setembro de 2018

      Agora parece que só sacaron beneficio de Minecraft e TWD.

      Moita inversión pouca recuperación.

      • Carlos Pereiro
      • En: 24 de Setembro de 2018

      E si, o ritmo de lanzamentos foi insano, e agora comprobado como insostible.