Actualidade Tencent informa da adquisición do 29 % de Funcom

Tencent informa da adquisición do 29 % de Funcom

Tencent continúa recreándose no símil do xigante e vén de confirmar a idea de converterse nun dos principais accionistas de Funcom. A compañía chinesa é un dos provedores da Internet máis grandes do mundo e posúe accións en diversas empresas dedicadas á creación de videoxogos: Epic Games, Ubisoft, Riot, Frontier, Supercell, Paradox…

Funcom é a compañía detrás de The Secret World, Conan Exiles ou Mutant Year Zero. Mercará o 29 % das accións a través dunha transacción que realizará xunto á firma norueguesa KGJ Capital AS.

Dentro dos proxectos máis grandes que manexa actualmente Funcom áchase o de crear un título de mundo aberto baseado na franquía Dune. A empresa norueguesa ten licenza para desenvolver videoxogos desta marca durante os próximos seis anos, algo que seguramente espertou o interese de Tencent. Paga a pena lembrar que Denis Villeneuve —Sicario, A chegada ou Blade Runner 2049— tamén estreará a finais do ano que vén unha revisión da cinta orixinal.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.