Actualidade The Game Awards 2019 ::           Os estudios xa viven na vindeira xeración

The Game Awards 2019 ::           Os estudios xa viven na vindeira xeración

Non hai dúbida. The Game Awads é un escaparate que as compañías non desprezan e que é tomado máis en serio que algunhas das feiras históricas do videoxogo. A gala organizada polo xornalista Geoff Keighley posiciónase  como o deerradeiro disparo de novidades do ano, pero máis que como un rifle de francotirador, funciona como un rifle automático que baleira todo un cargador de anuncios e worls premieres. Funciona. O número de espectadores non é baixo e gala e anuncios retroaliméntanse nun xogo de atención e simbolismo.

Só así pode ser explicado o portentoso número de anuncios que foron realizados ao longo das máis de tres horas de evento. De todo e para todas as plataformas na procura da sorpresa, do anuncio que chegue a ser Trending Topic. O de onte? Ese Phil Spencer que en representación de Microsoft e cun movemento inesperado amosaba ao mundo, por primeira vez, a súa nova máquina, a súa nova consola. Xbox Series X é a chave de Microsoft para a nova xeración. Non mostrou demasiados detalles internos, dos que xa se coñecen varios, pero si o seu aspecto exterior, diferente, con forma de rectángulo e cun forte paralelismo coa torre dun PC; ora ben, de moito menor tamaño —semella medir un controlador de Xbox de ancho e tres de alto—.

Curioso que nun evento de videoxogos sexa o hardware un protagonista, pero así foi. Non se presentou a nova máquina soa. Senua’s Saga: Hellblade II fixo tamén a súa aparición como título a estrear nesta plataforma. De aspecto maxestoso, haberá que comprobar o día de mañá se é así como loce a nova xeración. Oxalá. Ninja Theory volve á carga.

A continuación, queda configurada unha lista con algúns dos anuncios ou aparicións máis relevantes. Un resumo difícil, dun evento moi longo, que case compensa ser visto de maneira continuada para coñecer todos os nomes. Pero non sempre hai tempo, non?

Ghost of Tsushima

Deixouse ver no State of Play uns segundos e prometeu máis material na cerimonia. Cumpriu. Sony ten entre mans un título que se ve xenial e para o que tamén quixo aproximar unha data: aterrará nas tendas durante o verán do 2020.

Sen dúbida, alén do seu gameplay, a aposta visual de Ghost of Tsushima é escandalosa e levará á máquina negra ao límite da súa capacidade gráfica, con escenarios cheos de partículas e con plantas que o vento arrola a cada segundo. É a última bala de PlayStation para esta xeración.

Bravely Default II

Agradábel sorpresa, sobre todo cando Nintendo é máis de facer uso das canles e escenarios de seu para este tipo de presentacións. Bravely Default 2 é a nova aventura de rol de Team Asano e Square Enix para Switch. Emoción sublimada no formato de JRPG clásico e atemporal.

Un mundo de fantasía cunha historia orixinal onde os protagonistas vivirán unha aventura para o recordo. Premisa típica en obras desta clase, pero se se cumpre… por que non? Sairá ao longo do ano 2020.

The Wolf Among Us 2

Inesperado. Non ofreceu demasiada información, pero a súa aparición foi aplaudida. Telltale Games, que continúa viva tras o seu renacemento empresarial, volverá apostar por unha aventura narrativa onde o misterio e as decisións estarán á orde do día.

Cancelado polo peche da compañía hai meses, a súa recuperación é sempre un motivo de celebración.

Humankind

Descrito como un videoxogo de estratexia histórica global por quendas no que o xogador deberá reescribir a historia da humanidade, SEGA e Amplitude presumen de produción.

A cerimonia serviu de escenario para mostrar o primeiro gameplay do título, o que permitiu unha primeira ollada ao seu sistema de avatares, por exemplo. Chegará para PC e Mac o ano que vén.

Godfall

Outra das sorpresas. Quizais non só polo título en si, que ten unha pinta fenomenal, senón porque tamén serviu para lembrar o preto que está a próxima xeración de máquinas e que as compañías xa están a traballar arreo nela.

Gearbox Publishing e Counterplay Games están detrás dunha obra que chegará para PlayStation 5 e PC a través da Epic Games Store. O seu adianto amosa pouco, pero abre a porta a un mundo de fantasía épica. Os seus responsábeis falan de Godfall como un RPG de acción no que cada golpe contará, na procura dunha experiencia singular para o xogador, que manexará ao personaxe en terceira persoa.

Poderá ser gozado en solitario e en compañía, con até tres persoas. Cando? A finais de 2020.

No More Heroes 3

Arrebato de tolemia. Travis Touchdown volverá en Non More Heroes 3. Faino ao grande, cunha presenza nos Game Awards que quixo apostar pola sorpresa e o estrambótico, rotura de cuarta parede incluída.

Estrearase ao longo de 2020 coa promesa de Súa 51 de outorgar maior liberdade ao xogador como xa se sabía.

Sons of the Forest

O terror e a supervivencia tamén atoparon o seu sitio nas butacas da cerimonia. A secuela do exitoso The Forest presenta un apartado gráfico renovado e promete unha sobredose de todo o visto naquela maldita illa.

Presenta algunhas criaturas novas aínda que tampouco afonda demasiado nas posibilidades que ofrecerá o novo gameplay. Tampouco se comentou cando ou onde se estreará, aínda que é probábel que chegue a PC nun inicio, como fixo a anterior obra.

Dungeons & Dragons Dark Alliance

Coa devastadora música de In Flames de fondo, Tuque Games presentou un tráiler cinemático de Dungeons & Dragons Dark Alliance, un RPG de acción cooperativa que nace como herdeiro de Baldur’s Gate Dark Alliance.

Os seguidores de Dungeon & Dragons están de celebración, pois pronto terán a oportunidade de xogar diversos heroes, como Drizzt Do’Urden, unha das creacións máis coñecidas de R.A. Salvatore. A súa chegada está para prevista para PC e consolas a mediados do ano que vén.

Ruined King e CONV/RGENCE

Riot Forge, a compañía paraugas que quere axudar a outros estudios a producir xogos baseados na marca League of Legends, non perde o tempo. Se a súa presentación foi realizada hai uns días, nos Game Awards xa avisou de dous proxectos que verán a luz máis pronto que tarde.

Ruined King será un RPG por quendas situado xusto despois dos eventos de Burning Tides. Os xogadores poderán tomar control dos campións do MOBA e explorar a cidade de Bilgewater e as misteriosas Shadow Isles. Pola súa banda, CONV/RGENCE sitúase como un xogo de acción e plataformas con Ekko como protagonista.

Weird West

Devolver Digital non perde unha festa. WolfEye Studios é a empresa fundada por Raphaël Colantonio, cofundador de Arkane Studios, que se atopa detrás deste proxecto de aspecto espectacular, ambientado no Salvaxe Oeste.

Trátase dun RPG de acción no que os xogadores poderán vivir diversas historias, a través dun grupo de heroes pouco habituais, nunha terra onde os pistoleiros conviven con criaturas fantásticas. Toda decisión contará. Non hai data nin plataformas.

New World

Comezará o seu beta pechada en abril. New World é un rumor xa coñecido, a obra coa que Amazon Games quere triunfar entre os afeccionados dos MMORPG, terreo complicado.

A través de novas imaxes, aínda son poucos os detalles que se coñecen do título. Vese grande e belo, pero debe ofrecer moita máis información antes do seu lanzamento, programado para o vindeiro ano.

Fast & Furious Crossroads

Pois si, o que indica o título. Un xogo de condución inspirado na serie de películas Fast and Furious e que foi presentado por Michelle Rodriguez e Vin Diesel. Ambos os dous actores formarán parte do título, xunto con outras caras coñecidas da franquía.

Descrito como unha obra de acción por equipos, propón organizar unha serie de atracos a bordo de veloces vehículos. Terá campaña para un xogador e modo en liña. Prometéronse novos detalles moi pronto.

Sairá en maio de 2020 a PS4, Xbox One e PC vía Steam, publicado por Bandai Namco en colaboración con Universal Games. Tamén haberá película nova ese mes.

Magic: Legends

Por último, outro RPG de acción máis á lista. Magic: Legends preséntase como unha ampliación do universo do famoso xogo de cartas Magic: The Gathering, desenvolto polos veteranos Cryptic Studios, responsables do MMORPG de Neverwinter.

Non hai máis detalles amais do tráiler co que se presentou, de carácter cinemático.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] gala continúa aderezada con algún que outro xugoso World Premiere, eses anuncios de novos títulos que vanse intercalando para dar máis importancia e valor a unha […]

  2. […] que deixamos fóra da lista moitas cousas, por exemplo varios dos videoxogos que vimos na recente gala The Game Awards 2019. Non dubidedes en aportar os xogos que estades agardando con máis ganas na caixiña de […]